setembro    
    2017    
L M M X V S D
1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30

BOPPO número 245

luns, 21 de decembro de 2015

ADMINISTRACIÓN LOCAL

Municipal

Cambados

Ordenanzas e Regulamentos

REGULAMENTO ORGÁNICO MUNICIPAL DO CONCELLO DE CAMBADOS–ELEVACIÓN A DEFINITIVA DO ACORDO DE APROBACIÓN INICIAL DA MODIFICACIÓN E PUBLICACIÓN DO TEXTO INTEGRO DEFINITIVO.

O Pleno da Corporación, en sesión celebrada o día 24.09.2015, acordou aprobar inicialmente a modificación do artigo 35 do Regulamento Orgánico Municipal, exposto ó público o expediente, e non téndose presentado contra o mesmo reclamación ou alegación algunha, elevase a definitivo o acordo ata entón provisional, publicándose o seu texto íntegro, coa inclusión da referida modificación, para xeral coñecemento:

LIMIAR.—DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.—O Concello de Cambados, no exercicio da potestade regulamentaria e de auto organización que lle recoñece a Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e a Lei 5/97, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, e con suxeición ás mesmas, promove polo presente regulamento a súa organización e réxime de funcionamento dos órganos básicos e complementarios que no mesmo se establecen.

Artigo 2.—A organización e funcionamento interno do Concello de Cambados axustarase á seguinte orde xerárquica de fontes normativas:

a) Lei 7/85, del 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local e os preceptos de carácter básico contidos no Real Decreto Lexislativo 781/1986, de 18 de abril polo que se aproba o Texto Refundido das Disposicións Legais vixentes en materia de Réxime Local.

b) Lei 5/97, del 22 de xullo de Administración Local de Galicia.

c) Regulamento Orgánico Municipal.

d) Real Decreto 2.568/86, del 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, aplicándose este último naquelas materias en que a normativa establecida polo presente Regulamento Orgánico resulte insuficiente.

Artigo 3.—Corresponde ó Alcalde ditar instrucións interpretativas e aclaratorias da normativa indicada no artigo anterior, para a súa aplicación no municipio.

Artigo 4.—Corresponde o Concello en pleno o control e fiscalización de tódolos órganos de goberno.

TÍTULO I.—DOS GRUPOS MUNICIPAIS

Artigo 5.—1.—Os concelleiros, ós efectos da súa actuación corporativa, constituiranse en grupos, que se corresponderán cos partidos políticos, federacións coalicións ou agrupacións que obtiveran postos na corporación.

2.—Cada partido político, federación, coalición ou agrupación constituirá un único grupo.

3.—Ninguén poderá pertencer simultaneamente a más de un grupo.

Artigo 6.—O mínimo de concelleiros para constituír un grupo é de dous.

Integraranse, en todo caso, no Grupo Mixto os membros dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que non obtiveran un mínimo de dous escanos.

No suposto de que non existira Grupo Mixto, este quedará constituído polo membro do partido político, federación, coalición ou agrupación que obtivera un solo escano.

Durante o mandato da corporación, ningún membro da mesma poderá integrarse nun grupo distinto de aquel en que o fixera inicialmente.

Artigo 7.—Os grupos políticos constituiranse mediante escrito dirixido ó presidente e subscrito por tódolos seus integrantes, que presentará na Secretaría da corporación dentro dos cinco días hábiles seguintes ó da constitución da corporación.

No mesmo escrito de constitución farase constala designación de voceiro do grupo, pudendo designarse tamén suplentes.

Si algún concelleiro non asinara escrito de constitución do grupo, elo non impedirá a súa constitución e os non asinantes se integrarán no Grupo Mixto.

Artigo 8.—Da constitución dos grupos políticos, dos seus integrantes e portavoces, o presidente dará conta ó Pleno na primeira sesión que se celebre tras cumprirse o prazo previsto no número 1 do artigo anterior.

Artigo 9.—Os membros da corporación que adquiran a súa condición con posterioridade á sesión constitutiva da corporación, deberán incorporarse ós grupos municipais, consonte as regras acordadas pola corporación.

Artigo 10.—Será voceiro de cada grupo municipal o que designe cada un no momento da súa constitución ou ben o que así sexa designado pola maioría dos compoñentes da lista respectiva.

O Grupo Mixto poderá establecer unha quenda rotativa para o desenvolvemento da función de voceiro, ou ben distribuírse entre os seus compoñentes o tempo que lle corresponda ó grupo.

O voceiro de cada grupo será o encargado de intervir, normalmente nas deliberacións dos asuntos.

Artigo 11.—Corresponde ós grupos políticos designar, mediante escrito do seu voceiro dirixido ó presidente e nos termos previstos en cada caso no presente regulamento, a aqueles dos seus compoñentes que teñan que representalos en tódolos órganos colexiados integrados por membros da corporación pertencentes ós diversos grupos.

TÍTULO II.—ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO

Artigo 12.—Son órganos necesarios do Concello os enumerados na Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e na Lei 5/97, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, é dicir:

a) O Alcalde.

b) Os Tenentes de Alcalde.

c) O Pleno.

d) A Xunta de Goberno Local.

Artigo 13.—As atribucións do Alcalde, do Pleno e da Xunta de Goberno Local son as que veñen determinadas na Lei 7/85, del 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e na Lei 5/97, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia.

Artigo 14.—O Alcalde dará conta sucinta á Corporación en cada sesión ordinaria do Pleno, das resolucións que tivera adoptado dende a última sesión plenaria ordinaria para que os concelleiros coñezan o desenvolvemento da administración municipal ós efectos de control e fiscalización dos órganos de goberno previstos no artigo 22.2.a) da Lei 7/85, del 2 de abril.

Artigo 15.—O Alcalde, cando o estime axeitado e existan circunstancias de índole técnica, económica, social ou xurídica que o aconsellen, poderán efectuar delegacións a favor da Xunta de Goberno.

Polos mesmos motivos pode efectuar delegación das súas atribucións, cando non exista prohibición legal expresa, a favor dos Tenentes de Alcalde, dos membros da Xunta de Goberno Local e dos señores concelleiros. A resolución ou resolucións sobre a delegación de atribucións, fixará o alcance e os cometidos específicos da mesma.

As delegacións, unha vez aceptadas, entenderanse vixentes mentres non sexan revogadas expresamente ou o órgano delegante avoque para si o coñecemento de algún asunto concreto na forma establecida pola Lei 30/92, de 26 de novembro.

Artigo 16.—As delegacións xenéricas cando con esta expresión se confiran, referiranse a unha ou varias áreas ou materias determinadas e poderán abarcar tanto a facultade de dirixi-los servizos correspondentes como a de xestionalos, en xeral, incluída a facultade de resolver mediante actos administrativos que afecten a terceiros.

Artigo 17.—Poderá tamén o Alcalde efectuar delegacións en calquera concelleiro para a dirección e xestión de asuntos determinados incluídos no artigo anterior. Neste caso, o concelleiro que ostente una delegación xenérica terá a facultade de supervisa-la actuación dos concelleiros con delegacións especiais para cometidos específicos na súa área.

Estas delegacións especiais poderán ser de tres tipos:

a) Relativas a un proxecto ou asunto determinado. Neste caso a eficacia da delegación que poderá conter tódalas facultades delegables do Alcalde, incluída a de emitir actos que afecten a terceiros, limitarase ó tempo de xestión ou execución do proxecto.

b) Relativas a un determinado servizo. Neste caso a delegación comprenderá a dirección interna dos servizos correspondentes pero non poderá incluír a facultade de resolver mediante actos administrativos que afecten a terceiros.

c) Relativas a unha parroquia ou barrio. Poderán incluír tódalas facultades delegables do Alcalde en relación con certas materias, pero circunscritas ó ámbito territorial da delegación. En caso de coexistir este tipo de delegacións establecerán os mecanismos de coordinación entre unhas e outras, de tal xeito que quede garantida a unidade de goberno e xestión do municipio.

Artigo 18.—As delegacións a que se refiren os artigos anteriores serán realizadas mediante Resolución do Alcalde que conterá o ámbito dos asuntos ós que se refire a delegación, as facultades que se deleguen, así como as condicións específicas de exercicio das mesmas na medida en que se concreten ou aparten do réxime xeral previsto neste regulamento.

A delegación de atribucións do Alcalde despregará efecto dende o día seguinte ó da data da resolución, agás que na mesma se dispuxera outra cousa e sen prexuízo da súa publicación polos medios de costume, previa aceptación.

De tódalas delegacións e das súas modificacións darase conta ó Pleno na primeira sesión que se celebre.

As resolucións dos delegados inscribiranse no libro de resolucións da Alcaldía e porán fin á vía administrativa, salvo nos casos previstos no art. 17, apartado b).

Artigo 19.—O nomeamento dos Tenentes de Alcalde será libremente realizado polo Alcalde de entre os membros da Xunta de Goberno Local.

O nomeamento, así como o cesamento, farase mediante Resolución do Alcalde da que dará conta ó Pleno na primeira sesión que celebre, notificándose ademais persoalmente ós designados e facéndose público polos medios de costume, todo elo sen prexuízo da súa efectividade dende o día seguinte ó da sinatura da resolución polo Alcalde, si na mesma non se dispuxera outra cousa.

Artigo 20.—A condición de Tenente de Alcalde perdese, ademais de polo cesamento, por renuncia expresa manifestada por escrito e por perda da condición de membro da Xunta de Goberno Local.

Artigo 21.—Corresponde ós Tenentes de Alcalde en canto tales, substituír na totalidade das súas funcións e pola orde do seu nomeamento, o Alcalde, nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que imposibilite ó mesmo para o exercicio das súas atribucións, así como desempeña-las funcións de Alcalde nos supostos de vacante da Alcaldía, ata que tome posesión o novo Alcalde.

En caso de ausencia, enfermidade ou impedimento, as funcións do Alcalde non poderán ser asumidas polo Tenente de Alcalde a quen corresponda sen expresa delegación na forma sinalada neste regulamento.

Nembargante, o disposto anteriormente, cando o Alcalde se ausente do termo municipal por máis de vinte catro horas, sen ter conferido a delegación ou cando por causa imprevista lle resultara imposible outorgala, o substituirá o Tenente de Alcalde a quen corresponda, dando conta ó resto da corporación.

Artigo 22.—Nos supostos de substitución do Alcalde por razóns de ausencia ou enfermidade, o Tenente de Alcalde que asume as súas funcións non poderá revoca-las delegacións que tivera outorgado o primeiro, en virtude do sinalado nos artigos 15, 16 e 17 do presente regulamento.

TÍTULO II.—FUNCIONAMENTO DOS ÓRGANOS NECESARIOS CAPÍTULO
I.—FUNCIONAMENTO DO PLENO
SECCIÓN 1ª.—REQUISITOS PARA A CELEBRACIÓN DAS SESIÓNS

Artigo 23.—Os tipos de sesións e a súa convocatoria rexerase polo disposto na Lei 7/85, del 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e pola Lei 5/97, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia.

Artigo 24.—O Pleno celebrará sesión ordinaria coa periodicidade que determine o propio Pleno a proposta do Alcalde.

O Pleno sinalará igualmente os días e horas en que terán lugar as devanditas sesións, que poderán ser cambiados en calquera momento posterior, polo devandito órgano. Igualmente o Alcalde, por propia iniciativa ou a petición dos voceiros, por causa xustificada, poderá varia-lo día ou a hora de algunha sesión, aloxándoo soamente o imprescindible dos fixados polo Pleno, comunicándoo ós interesados e publicándoo no Taboleiro de Anuncios coa maior anticipación posible.

Artigo 25.—As sesións poderán celebrarse en primeira ou segunda convocatoria. A segunda convocatoria sería de dous días despois da sinalada para a primeira ou ó día seguinte hábil si coincidira en festivo. Neste caso non será necesario o envío da orde do día, pero si a notificación da súa celebración en segunda convocatoria.

Artigo 26.—As sesións extraordinarias convocadas con tal carácter a solicitude da cuarta parte, cando menos, do número legal de membros da corporación, deberán pedirse por escrito no que se razoe o asunto ou asuntos que a motiven, asinado persoalmente por tódolos que a subscriben. Tamén deberán acompañar ó devandito escrito tódolos documentos que teñan que estar a disposición dos señores concelleiros na Secretaría, dende o momento da convocatoria. A relación de asuntos incluídos no escrito non enerva a facultade do Alcalde de determina-los puntos da orde do día, si ben a exclusión neste de algún dos asuntos propostos, deberá ser motivada.

A convocatoria e celebración da sesión deberá cumpri-los prazos establecidos no artigo 210 da Lei 5/97, del 22 de xullo, de Administración Local de Galicia.

Artigo 27.—Calquera que sexa a clase de sesión, deberá respecta-lo principio de unidade de acto e procurarase que remate dentro do mesmo día do seu comezo. Se este rematase sen que se tiveran debatido e resolto tódolos asuntos incluídos na orde do día, o Presidente poderá levanta-la sesión. Neste caso, os asuntos non debatidos terán que incluírse na orde do día da seguinte sesión.

Durante o transcurso da sesión, o Presidente poderá acordar interrupcións ó seu prudente arbitrio, para permiti-las deliberacións dos grupos por separado sobre a cuestión debatida ou para descanso dos debates.

Artigo 28.—A orde do día das sesións será fixado polo Alcalde, asistido do Secretario. Do mesmo xeito, poderá solicita-la asistencia dos membros da Xunta de Goberno e consulta-lo, si o estima oportuno, ós voceiros dos grupos existentes na corporación.

Na orde do día solo poden incluírse os asuntos que teñan sido previamente ditaminados, informados ou sometidos, a consulta das comisións informativas que correspondan agás polo que respecta ás mocións, que se someten directamente á consideración do Pleno.

O Alcalde, por razóns de urxencia, poderá incluír na orde do día, a iniciativa propia, asuntos que non teñan sido previamente informados pola respectiva comisión informativa, pero neste suposto non poderá adoptarse acordo algún sobre estes asuntos sen que o Pleno ratifique a urxencia con carácter previo.

Na orde do día das sesións ordinarias incluirase sempre o punto de rogos e preguntas.

Artigo 29.—O Alcalde convocará ós concelleiros a sesión ordinaria ou extraordinaria con dous días de antelación como sinala a Lei, remitíndolles xunto coa comunicación da convocatoria a orde do día á que haberá de suxeitarse dita sesión, na que figurarán numerados e enunciados os asuntos a tratar. Os concelleiros acusarán recibo da convocatoria asinando en comunicación cursada ó efecto.

A convocatoria irá acompañada dos borradores das actas das sesións anteriores que deban ser aprobadas na sesión.

No suposto de que varios concelleiros desexen examina-los expedientes á vez, distribuiranse a documentación, poñéndose de acordo entre eles. De non existir consenso, requirirán ó Secretario para que emita informe-proposta verbal. Se dita proposta tampouco fora satisfactoria para os interesados, someterase a decisión do Sr. Alcalde-Presidente ou Tenente de Alcalde presente no Concello, que resolverá distribuíndo o tempo e os expedientes de xeito que estes poidan ser vistos polos interesados.

O Alcalde, e os Presidentes das Comisións informativas autorizarán o exame de expedientes ou antecedentes que teñan relación cos asuntos incluídos na orde do día.

Artigo 30.—O horario para exame de expedientes será o correspondente ó normal das oficinas municipais, podendo ser ampliado pola presidencia cando o número ou a importancia dos asuntos así o requira. Dita ampliación será posta en coñecemento dos señores concelleiros e da Secretaría xeral, e baixo ningún concepto poderán extraerse os expedientes da Secretaría.

Artigo 31.—O quórum mínimo dunha terceira parte do número legal de membros da corporación haberá de manterse durante o desenvolvemento da sesión. A tal efecto, a ausencia dun ou varios concelleiros, iniciada a deliberación do asunto, entenderase como non presente e a abstención na votación, agás que se incorpore a tempo de emiti-lo seu voto. A estes efectos entenderase iniciada a deliberación:

a) De producirse debate con intervencións de un ou varios concelleiros.

b) Se ninguén pedise a palabra, nin fixese uso dela o presidente, cando remate a lectura da proposta de acordo do asunto correspondente á orden do día.

Artigo 32.—O disposto no artigo anterior entenderase sen prexuízo de que os asuntos a resolver nunha sesión, ou algún deles, esixan un número especial de asistentes para adopta-los acordos válidos sobre os mesmos, nese caso o quórum preciso para celebrar validamente a sesión ou adoptar acordos válidos sobre ditos asuntos, será o que se estableza con ese número especial en cada caso.

Artigo 33.—No suposto de que no día e hora sinalados na convocatoria para celebra-la sesión non concorreran á mesma concelleiros de abondo para elo, acreditarase tal circunstancia polo secretario, mediante dilixencia, expresando o número e nome dos que tivesen asistido, e dos que xustificaran a súa ausencia, reiterándose a convocatoria cantas veces sexa preciso ata lograr a asistencia do número de concelleiros necesarios para celebrar validamente a sesión.

Artigo 34.—O público asistente ás sesións non poderá intervir, nin tampouco se permitirán manifestacións de agrado ou desagrado, podendo a Presidencia proceder, en casos extremos, á expulsión do salón de todo aquel que por calquera causa impida o normal desenvolvemento da sesión.

Artigo 35.—As sesións do Pleno do Concello de Cambados serán públicas e garantirán a máxima proximidade da xestión municipal ós intereses dos veciños e veciñas de Cambados.

As sesións do Pleno do Concello de Cambados, que non foran declaradas secretas, terán difusión pública a través de medios audiovisuais, mediante canais asociados ó espazo web oficial do Concello de Cambados. As imaxes deberán estar dispoñibles durante o prazo de seis meses dende a súa gravación.

Non obstante o disposto no parágrafo primeiro deste artigo, o Pleno poderá acordar por maioría absoluta que unha sesión se desenvolva con carácter secreto cando o debate e votación dalgún dos asuntos incluídos na orde do día poida afectar ó dereito á honra, á intimidade persoal ou familiar ou á propia imaxe de calquera persoa.

SECCIÓN 2ª.—DOS DEBATES

Artigo 36.—Agás que a Presidencia dispoña outra cousa, a orde en que tratarán os asuntos será a seguinte:

a) Aprobación da acta ou actas das sesións anteriores.

b) Comunicacións da Presidencia.

c) Os incluídos na orde do día, ditaminados por comisións.

d) Os que se presenten como urxentes, incluídas as mocións deste tipo.

e) As mocións e propostas urxentes que non figuren na orde do día.

f) Rogos e preguntas que se formulen na sesión de que se trate

Artigo 37.—As sesións comezarán preguntando o Presidente se algún membro ten que formular algunha observación á acta da sesión anterior que se tivese distribuído antes ou coa convocatoria. Se non houbese observacións considerarase aprobadas, e se as houbese, debateranse e decidiranse as rectificacións que procedan.

En ningún caso poderá modificarse o fondo dos acordos adoptados e só procederá emenda-los meros erros materiais ou de feito.

Ó facer referencia en cada acta a lectura e aprobación da anterior, consignaranse as observacións e rectificacións practicadas.

Tódolos asuntos debateranse e votaranse pola orden en que estean relacionados na orde do día. Non obstante o presidente poderá alterar a orden dos temas, retirar un asunto ou deixalo sobre a mesa, ben de oficio ou a petición de calquera membro corporativo. O secretario e o interventor tamén poderán interesar da Presidencia se deixe un asunto sobre a mesa cando teñan que emitir informe e non poidan facelo no acto. Os asuntos que queden sobre a mesa incluiranse necesariamente na orde do día da sesión seguinte.

Nas sesións ordinarias, concluído o exame dos asuntos incluídos na orde do día, antes de pasar á quenda de rogos e preguntas, o Presidente preguntará se algún grupo municipal desexa someter á consideración do Pleno, por razóns de urxencia, algún asunto non comprendido na orden do día que acompañaba á convocatoria e que non teña cabida no punto de rogos e preguntas.

Se fose así, o Portavoz do grupo propoñente xustificará a urxencia da moción e o Pleno votará acto seguido sobre a procedencia do seu debate. Se o resultado fose positivo, seguirase o trámite ordinario de asuntos incluídos na orde do día.

A Presidencia poderá limitar ata un máximo de catro as mocións a debater nun mesmo Pleno ordinario. A tal efecto, ningún grupo poderá presentar máis de dúas mocións para debater na mesma sesión plenaria, téndose en conta a orde de entrada das mocións para a súa inclusión na orde do día do Pleno.

O disposto neste artigo non será de aplicación á moción de censura que rexerase polo disposto na lexislación electoral.

Artigo 38.—A consideración de cada punto incluído na orde do día comezará coa lectura, por parte do Secretario, do texto íntegro, ou en extracto, do ditame formulado pola comisión informativa correspondente, ou si se trata dun asunto urxente, non ditaminado, da proposición que se somete ó Pleno. A solicitude de calquera grupo, a Presidencia poderá autorizar a lectura íntegra daquelas partes do expediente ou do ditame da comisión que se coide aconsellable para mellor comprensión.

Se ninguén solicita a palabra logo da lectura, o asunto someterase directamente a votación.

Artigo 39.—De promoverse debate, as intervencións serán ordenadas polo Presidente, conforme ás seguintes regras:

a) Só poderá facerse uso de la palabra previa autorización do Presidente.

b) O goberno municipal poderá facer uso dunha primeira quenda de explicación cando así o estime oportuno.

c) No debate, os diversos grupos consumirán unha primeira quenda de explicación cando así o estimen oportuno.

d) Quen se coide aludido por unha intervención, poderá solicitar do Presidente que lle conceda unha quenda por alusións, debendo ser breve e conciso.

e) Non se admitirán outras interrupcións que as do Presidente para chamar á orden ou á cuestión debatida.

Os membros da corporación poderán en calquera momento do debate pedir a palabra para suscitar unha cuestión de orde, invocando a tal efecto a norma que fundamenta a súa solicitude. O Presidente resolverá o que proceda sen que elo dea lugar a debate algún.

O Secretario e o Interventor poderán intervir cando fosen requiridos polo Presidente por razóns de asesoramento técnico ou de aclaración de conceptos. Cando ditos funcionarios entendan que no debate se ten suscitado algunha cuestión que poida dar lugar a dúbidas a legalidade ou puidera ter implicacións económicas poderán solicitar ó Presidente o uso da palabra para asesorar á corporación.

Igualmente, o Alcalde poderá requiri-la presenza de persoal ó servizo da entidade, ó obxecto de informar no relativo ó ámbito das súas actividades.

Artigo 40.—O goberno municipal poderá utilizar unha quenda previa de explicación dos ditames ou proposicións, antes de iniciarse o debate formal dos asuntos.

Nas deliberacións poderán intervir cada grupo municipal mediante o voceiro ou outros membros pola orden inversa de representantes na corporación, consumindo torno en primeiro lugar o grupo mixto, logo os minoritarios e por último o maioritario.

A intervención normal de cada grupo non excederá de cinco minutos. Non obstante, naqueles temas que pola súa importancia ou complexidade así o requiran, e a petición de calquera portavoz, o Presidente notificará ó Pleno a duración das intervencións antes de comezar estas.

A segunda quenda terá unha duración máxima do cincuenta por cento da quenda anterior.

O tempo que corresponda ó grupo mixto poderá repartirse por igual entre os representantes das listas que o integran.

Cando unha sesión se prolongue, o Presidente poderá acordar que se interrompa a mesma para permitir as deliberacións dos grupos sobre a cuestión debatida ou para descanso dos debates. Estas interrupcións non terán duración superior a dez minutos.

Artigo 41.—O Presidente poderá chamar á orde a calquera membro da corporación que:

a) Profira palabras ou utilice conceptos ofensivos ó decoro da corporación ou dos seus membros, das institucións públicas ou de calquera outra persoa ou entidade.

b) Interrompa ou altere, de calquera outra forma, a orde na sesión.

c) Pretenda facer uso da palabra sen estar autorizado, ou unha vez que esta lle fora retirada.

Tras tres chamadas á orde na mesma sesión, con advertencia na segunda das consecuencias dunha terceira chamada, o Presidente poderá ordenarlle que abandone o local no que se estea celebrando a reunión, adoptando as medidas que considere oportunas para facer efectiva a expulsión.

Artigo 42.—Nos supostos en que, de conformidade co establecido no artigo 76 da Lei 7/85, algún membro da corporación deba absterse de participar na deliberación e votación, terá que abandonar o salón mentres se discuta ou vote o asunto, agás no caso en que se estea a debater a súa actuación como corporativo, nese suposto, terá dereito a permanecer e defenderse.

Artigo 43.—Ós efectos do desenvolvemento das sesións e para definir o carácter das intervencións dos membros da corporación, utilizarase a seguinte terminoloxía:

1.—Ditame: é a proposta sometida ó Pleno logo do estudio do expediente pola Comisión Informativa. Conten unha parte expositiva e un acordo a adoptar.

2.—Proposición: é a proposta que se somete ó Pleno relativa a un asunto incluído na orde do día que acompaña á convocatoria, en virtude do disposto no artigo 82.3 do R.O.F. Conterá unha parte expositiva ou xustificación e un acordo a adoptar. Non procederá entrar a debater nin votar unha proposición sen que previamente se teña ratificado, de acordo co disposto na lei, a inclusión do asunto na orde do día.

3.—Moción: é a proposta que se somete directamente a coñecemento do Pleno, ó amparo do previsto no artigo 37 parágrafo quinto do presente regulamento. Poderá formularse por escrito ou oralmente.

4.—Voto particular: é a proposta de modificación dun ditame formulada por un membro da Comisión Informativa correspondente. Deberá acompañar ó ditame dende o día seguinte o da súa aprobación pola Comisión.

5.—Emenda: é a proposta de modificación dun ditame ou proposición presentada por calquera membro da corporación mediante escrito dirixido ó Presidente antes de iniciarse a deliberación do asunto.

6.—Rogo: é a formulación dunha proposta de actuación dirixida a algúns dos órganos de goberno municipal. Os rogos formulados no seo do pleno poderán ser debatidos, pero en ningún caso sometidos a votación.

Poden formular rogos tódolos membros da corporación ou dos grupos municipais a través dos seus voceiros, e poderán ser efectuados oralmente ou por escrito.

7.—Pregunta: é calquera cuestión formulada ós órganos de goberno no seno do Pleno. Poden plantexar preguntas tódolos membros da corporación ou os grupos municipais a través dos seus portavoces.

As preguntas formuladas por escrito, con vinte e catro horas de antelación, serán contestadas ordinariamente na sesión ou, por causas debidamente motivadas, na seguinte.

O Alcalde, no exercicio das súas funcións de moderación, poderá limitar o número de preguntas a formular nun Pleno a un máximo de dez por cada grupo municipal.

O Secretario da Corporación lerá o encabezamento ou motivo de cada pregunta e dará traslado da mesma ó seu destinatario.

SECCIÓN 3ª.—DAS VOTACIÓNS

Artigo 44.—Rematado o debate dun asunto procederase á súa votación. Antes de comezar esta o Presidente exporá de xeito claro e conciso os termos da mesma e a forma de emiti-lo voto.

Unha vez iniciada a votación non poderá interromperse por ningún motivo. Durante o desenvolvemento da mesma o Presidente non concederá o uso da palabra, e ningún membro corporativo poderá entrar no salón nin abandonalo.

Artigo 45.—O voto dos concelleiros é persoal e indelegable.

Artigo 46.—As votacións poden ser ordinarias, nominais ou secretas.

Son ordinarias as que se manifestan por signos convencionais de asentimento, disentimento ou abstención.

Son nominais aquelas votacións que se realicen mediante chamamento por orden alfabético de apelidos e sempre en último lugar o Presidente, e na que cada membro da corporación, ó ser chamado, responde en voz alta “si”, “non” ou “me absteño”.

Son secretas as que se realicen mediante papeleta que cada membro da corporación vai depositando nunha urna ou bolsa.

Artigo 47.—O sistema normal é de votación ordinaria.

A votación nominal requirirá a solicitude dun grupo municipal aprobada polo Pleno por maioría simple en votación ordinaria, de acordo co disposto no art. 46 da Lei 7/85.

A votación secreta só poderá utilizarse para elección ou destitución de persoas, así como no suposto previsto no art. 70.1 da Lei 7/85.

Artigo 48.—Inmediatamente despois de concluída a votación, o Secretario computará os votos emitidos, anunciando en voz alta o resultado. Á vista do mesmo, o Presidente proclamará o acordo adoptado, pasándose, sen máis debate nin votacións, ó seguinte punto da orde do día.

SECCIÓN 4ª.—DO CONTROL E FISCALIZACIÓN POLO PLENO
DAS ACTUACIÓNS DOS DEMAIS ÓRGANOS DE GOBERNO

Artigo 49.—O control e fiscalización polo Pleno da actuación dos demais órganos de goberno poderá exercerse a través dos seguintes medios:

a) Requirimento de presenza e información de membros corporativos que ostenten delegación.

b) Debate sobre a actuación da Xunta de Goberno Local.

c) Moción de censura ó Alcalde.

As mocións de censura ó Alcalde, axustaranse ó disposto na lexislación xeral electoral. O debate e demais aspectos de procedemento regularanse polo presente Regulamento.

SECCIÓN 5ª.—DAS ACTAS

Artigo 50.—De cada sesión o Secretario estenderá acta na que fará constar:

a) Lugar da reunión, con expresión do nome do concello e local en que se celebra.

b) Día, mes e ano.

c) Hora en que comeza.

d) Nome e apelidos do Presidente, dos membros da corporación presentes, dos ausentes que se tivesen escusado e dos que falten sen escusa.

e) Carácter ordinario ou extraordinario da sesión, e se se celebra en primeira ou en segunda convocatoria.

f) Asistencia do secretario e do interventor ou daqueles que legalmente os substitúan.

g) Asuntos que examinen, opinións sintetizadas dos grupos ou membros da corporación que interveñen nas deliberacións e incidencias destas.

h) Votacións que se verifiquen e, no caso das nominais, sentido no que cada membro emite o seu voto. Nas votacións ordinarias fará constar o número de votos afirmativos, o de negativos e as abstencións. Do mesmo xeito, fará constar nominalmente o sentido do voto cando así o pidan os interesados.

i) Parte dispositiva dos acordos que se adopten.

j) Hora en que o Presidente levanta a sesión.

De non celebrarse sesión, ben por falla de asistentes ou por calquera outro motivo, o Secretario suplirá a acta cunha dilixencia autorizada coa súa firma na que conste a causa e o nome dos concorrentes e dos que tivesen escusado a súa asistencia.

Artigo 51.—Unha vez aprobada a acta polo Pleno, transcribirase ó libro de actas, autorizándoa coas firmas do Alcalde e ó Secretario.

CAPÍTULO II. FUNCIONAMIENTO DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Artigo 52.—A Xunta de Goberno celebrará sesión constitutiva a convocatoria do Alcalde, dentro dos quince días seguintes a aquel en que este designara ós membros que a integran.

As sesións ordinarias terán lugar cada semana.

Corresponde o Alcalde fixar mediante providencia o día e hora das sesións ordinarias.

As sesións extraordinarias e as urxentes terán lugar cando con tal carácter sexan convocadas polo Alcalde.

O Alcalde poderá en calquera momento reunir á Xunta de Goberno Local cando estime necesario coñecer o seu parecer ou pedir a súa asistencia con anterioridade a ditar resolucións no exercicio das atribucións que lle corresponden.

Artigo 53.—As sesións da Xunta de Goberno Local axustaranse ó disposto na lexislación vixente e neste regulamento para as sesións plenarias, coas modificacións seguintes:

a) Entre a convocatoria e a celebración da sesión non poderán transcorrer menos de vinte catro horas, agás nos casos de sesións extraordinarias e urxentes, e nas que, antes de entrar a coñece-los asuntos incluídos na orde do día, deberá ser declarada a urxencia por acordo favorable da maioría dos membros. En calquera caso, fixado un réxime de sesións da Xunta de Goberno Local os membros se entenderán convocados para os días sinalados sen necesidade de previa convocatoria.

b) As sesións da Xunta de Goberno non serán públicas, sen prexuízo da publicidade e comunicación ás administracións estatal e autonómica dos acordos adoptados.

c) Para a válida constitución da Xunta de Goberno Local requirirase a asistencia da terceira parte do número legal de membros que a compoñen, non podendo ser nunca inferior a tres. Este quórum deberá manterse durante toda a sesión.

Se non existira quórum en primeira convocatoria, constituirase en segunda convocatoria, corenta e oito horas despois da fixada para a primeira, co mesmo quórum mínimo sinalado anteriormente.

d) O Alcalde dirixe e ordena ó seu prudente arbitrio os debates no seo da Xunta de Goberno Local.

e) Nos casos nos que a Xunta de Goberno exerza competencias delegadas polo Pleno, será preceptivo o previo informe da comisión informativa correspondente.

f) As actas das sesións da Xunta de Goberno Local transcribiranse nun libro distinto do das sesións do Pleno.

A Xunta de Goberno Local nas súas reunións deliberantes non poderá adoptar ningún acordo, pero si formaliza-lo resultado das deliberacións no seu caso, en forma de ditames nos termos de este regulamento.

Tanto nas sesións como nas reunións da Xunta de Goberno, o Alcalde poderá requiri-la presenza de membros da corporación non pertencentes á Xunta de Goberno ou de persoal ó servizo da entidade, ó obxecto de informar no relativo ó ámbito das súas actividades.

CAPÍTULO III.—RÉXIME XERAL DAS DELEGACIÓNS
ENTRE OS ÓRGANOS NECESARIOS

Artigo 54.—A delegación de atribucións requirirá, para ser eficaz, a súa aceptación por parte do delegado. A delegación entenderase aceptada tacitamente se no termo de tres días hábiles contados desde a notificación do acordo, o membro ou órgano destinatario da delegación non fai manifestación expresa ante o órgano delegante de que non acepta a delegación.

As delegacións do Pleno no Alcalde ou as de este na Xunta de Goberno Local e as do Alcalde nesta última, como órgano colexiado, non quedarán revogadas polo mero feito de producirse un cambio na titularidade da Alcaldía ou na composición concreta da Xunta de Goberno Local.

A revogación ou modificación das delegacións terá que adoptarse coas mesmas formalidades que as esixidas para o seu outorgamento.

Artigo 55.—O órgano delegante poderá avocar en calquera momento a competencia delegada de conformidade coa lexislación vixente sobre procedemento administrativo común.

Artigo 56.—Ningún órgano poderá delegar nun terceiro as atribucións ou potestades recibidas por delegación de outro órgano.

Artigo 57.—A delegación de atribucións entenderase que por termo indefinido, salvo que a resolución ou acordo da delegación dispoña outra cousa, a temporalidade da mesma se derive da propia natureza da delegación.

TÍTULO IV.—DA ORGANIZACIÓN COMPLEMENTARIA
DO CONCELLO E O SEU FUNCIONAMENTO

Artigo 58.—Son órganos complementarios do Concello:

a) Os concelleiros-delegados.

b) A Comisión Especial de Contas.

c) As comisións informativas permanentes.

d) As comisións informativas especiais

Artigo 59.—Os concelleiros-delegados son aqueles concelleiros que ostentan algunha das delegacións de atribucións do Alcalde, segundo se prevén no disposto neste regulamento.

A condición de concelleiro-delegado perdese nos casos seguintes:

a) Por renuncia expresa, que se formalizará por escrito ante a Alcaldía.

b) Por revogación da delegación, adoptada polo Alcalde coas mesmas formalidades previstas para outorgala.

c) Nas delegacións xenéricas, a perda da condición de membro da Xunta de Goberno, levará implícita a revogación da delegación.

Artigo 60.—Cando as delegacións teñan o carácter de xenéricas a favor dos membros da Xunta de Goberno Local, terán as atribucións que se especifiquen na Resolución de delegación, e si esta non indica nada ó respecto, se entende:

A) Que inclúen as seguintes facultades:

1.—Dirixir, inspeccionar e impulsa-lo servizo o servizos respectivos.

2.—Ordena-la tramitación de expedientes por faltas de desobediencia ou por infracción de ordenanzas ou bandos municipais.

3.—Outorgar licenzas ou autorizacións sobre as materias delegadas, cando non exista delegación expresa a favor da Xunta de Goberno.

4.—Resolver mediante Resolucións, as cuestións que afecten a terceiros.

5.—Conforma-las propostas de resolucións dos responsables dos servizos e das unidades administrativas así como as propostas ou relacións de asuntos que terán que pasarse á Secretaría xeral para a formación da orde do día dos plenos e Xuntas de Goberno.

6.—Asinar tódalas disposicións que sexan precisas para o cumprimento das facultades anteriores, así como o visto e prace das certificacións.

B) Non inclúe, en principio, as facultades seguintes:

1.—Representar ó Concello, salvo expresa delegación.

2.—Autorizar recepcións, homenaxes e demais actos públicos ou protocolarios, sen consulta previa á Alcaldía, que realizará as invitacións ós devanditos actos.

3.—Adquirir compromisos económicos ou de outro tipo con institucións o autoridades estatais, autonómicas ou locais.

4.—Realizar xestións ou actos que dean lugar a disposicións de gastos.

5.—Ordenar pagos.

6.—Contratar obras, servizos ou fornecementos

7.—E en xeral, todas as que a teor do disposto no art. 21.3 da Lei 7/85 e 61.3 da Lei 5/97, a Alcaldía non pode delegar.

Artigo 61.—A Comisión Especial de Contas prevista no artigo 116 da Lei 7/85, de 2 de abril, e 59.2.c) da Lei 5/97, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, se constituirá, integrará e funcionará do mesmo xeito que as restantes comisións informativas permanentes.

Corresponderá a esta Comisión o exame, estudio e informe de tódalas contas que deba aprobar o Pleno da Corporación, de acordo co establecido na lexislación reguladora da contabilidade das entidades locais.

Artigo 62.—As Comisións Informativas poderán ser permanentes ou especiais.

Artigo 63.—Nas Comisións Informativas estarán representados tódolos grupos políticos da Corporación, de xeito proporcional á súa representatividade dentro da mesma.

Estas Comisións son órganos sen atribucións resolutorias que terán por función o estudio, informe ou consulta dos asuntos que teñan que ser sometidos á decisión do pleno ou da Xunta de Goberno Local cando actúe por delegación de aquel, agás o disposto para acordos declarados urxentes.

Igualmente, informarán aqueles asuntos da competencia propia ou delegada da Xunta de Goberno Local, que lle sexan sometidos ó seu coñecemento por expresa decisión de aqueles.

As Comisións Informativas permanentes constitúense con carácter xeral, distribuíndose entre elas as materias que han de someterse ó Pleno. O seu número e denominación, así como calquera outra variación das mesmas durante o mandato corporativo, decidirase mediante acordo adoptado polo Pleno, a proposta do Alcalde.

Artigo 64.—O acordo ou resolución polos que se creen as Comisións Informativas, determinará a composición concreta das mesmas, tendo en conta as seguintes regras:

a) O Alcalde é o Presidente nato de todas elas, podendo delegar a Presidencia efectiva en calquera outro concelleiro.

b) Cada comisión estará integrada de xeito que a súa composición se acomode á proporcionalidade existente entre os distintos grupos políticos representados na corporación.

c) A adscrición concreta a cada comisión dos membros da corporación que deban formar parte da mesma en representación do grupo municipal, efectuarase mediante escrito do Voceiro do mesmo, dirixido ó Alcalde e do que se dará conta ó Pleno. Do mesmo xeito, procederase á designación do mesmo número de suplentes que de titulares.

Artigo 65.—Os ditames das Comisións Informativas teñen carácter preceptivo e non vinculante.

Nos supostos de urxencia o Pleno poderá adoptar acordos sobre asuntos non ditaminados pola correspondente comisión informativa.

Artigo 66.—As Comisións Informativas celebrarán sesións ordinarias coa periodicidade que se acorde no intre da súa constitución e nos días e horas que estableza o Alcalde ou o seu respectivo Presidente, os que poderán, igualmente convocar sesións extraordinarias ou urxentes das mesmas.

As sesións poden celebrarse na sede da entidade respectiva ou noutras dependencias da mesma.

As convocatorias corresponden o Alcalde ou ó Presidente da Comisión e deberán ser notificadas ós membros da mesma, ou no seu caso, ós grupos municipais, incluíndose, en todo caso a orde do día.

Artigo 67.—A válida celebración das sesións require a presenza da maioría absoluta dos compoñentes da comisión, xa sexan titulares ou suplentes, en primeira convocatoria, e un mínimo de tres membros en segunda convocatoria, media hora máis tarde.

O presidente dirixe e ordena ó seu prudente arbitrio, respectando os principios xerais que rexen os debates plenarios, os debates da comisión.

Os ditames aprobaranse sempre por maioría simple dos presentes, decidindo os empates o presidente con voto de calidade.

Artigo 68.—Ningunha comisión poderá deliberar sobre asuntos da competencia de outra, a menos que se trate de problemas comúns, suposto no que poderá convocarse polo Alcalde, a proposta dos das respectivas comisións, unha sesión conxunta.

O ditame da comisión poderá limitarse a mostrar a súa conformidade coa proposta que lle sexa sometida polos servizos administrativos competentes ou ben formular unha alternativa.

Os membros da comisión que non estean de acordo co ditame aprobado por esta poderán pedir que conste o seu voto en contra.

Artigo 69.—O presidente de cada comisión poderá requiri-la presenza nas súas sesións, do persoal municipal, directores de servizos ou membros da corporación, a efectos informativos.

Ás sesións da Comisión de Facenda, así como á de Contas, asistirá en todo caso o interventor ou funcionario no quen delegue.

De cada sesión das comisións informativas levantarase acta, na que faranse constar os extremos a que se refiren os apartados a), b), c), d), e), f), g) y j), del art. 55 do presente regulamento e á que se achegarán os ditames que foran aprobados e os votos particulares que foran formulados a aqueles.

Cambados, a 10 de decembro de 2015.—A Alcaldesa, Fátima Abal Roma.

NOTA INFORMATIVA: O contido da versión HTML deste anuncio ten carácter meramente informativo e está dispoñible nesta páxina para comodidade do cidadán. O anuncio con validez legal é a versión PDF asinada electronicamente.