setembro    
    2017    
L M M X V S D
1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30

BOPPO número 35

luns, 22 de febreiro de 2016

ADMINISTRACIÓN LOCAL

Municipal

Cambados

Ordenanzas e Regulamentos

TEXTO APROBACIÓN DEFINITIVA DA ORDENANZA MUNICIPAL DE VENDA AMBULANTE OU NON SEDENTARIA DO CONCELLO DE CAMBADOS

O Pleno da Corporación, en sesión celebrada o día 26.11.2015, acordou aprobar inicialmente da Ordenanza Municipal de venda ambulante ou non sedentaria do Concello de Cambados, exposto ó público o expediente, e non téndose presentado contra o mesmo reclamación ou alegación algunha, elevase a definitivo o acordo ata entón provisional, publicándose o seu texto íntegro, para xeral coñecemento:

ORDENANZA MUNICIPAL DE VENDA AMBULANTE OU NON SEDENTARIA
DO CONCELLO DE CAMBADOS.-

PREAMBULO

CAPÍTULO 1.—Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da norma

A presente ordenanza ten por obxecto a regulación da venda ambulante ou non sedentaria no Concello de Cambados e do seu réxime sancionador, de acordo coas competencias atribuídas aos concellos na Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; no artigo 54 da Lei 7/1996, de 15 de xaneiro, de Ordenación do comercio minorista na redacción dada pola Lei 1/2010, do 1 de marzo; no Real decreto 199/2010, do 26 de febreiro, polo que se regula o exercicio da venta ambulante ou non sedentaria; e na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, actividade sometida a autorización administrativa previa.

Artigo 2. Concepto, modalidades e réxime xurídico

1.—Considérase venda ambulante ou non sedentaria a realizada por persoas comerciantes, fóra dun establecemento comercial permanente de forma habitual, ocasional, periódica ou continuada, nos perímetros ou nos lugares debidamente autorizados en instalacións comerciais desmontables ou transportables, incluíndo os camións tenda.

2.—O exercicio da venda ambulante ou non sedentaria poderase realizar nalgunha das seguintes modalidades:

a) Venda ambulante en mercados periódicos.

b) Venda ambulante en mercados fixos.

c) Venda ambulante en postos desmontables instalados na vía pública.

d) Venda ambulante en mercados ocasionais.

e) Venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda.

A definición de cada tipoloxía é a recollida no artigo 71 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia:

a) Venda ambulante en mercados periódicos: aquela autorizada nos mercados situados en poboacións, en lugares e espazos determinados, cunha periodicidade habitual establecida. Dentro desta epígrafe están encadradas, entre outras, as realizadas en feiras populares, en mercados de postos e en rastros.

b) Venda ambulante en mercados fixos: aquela autorizada en lugares anexos aos mercados municipais ou de abastos, con instalacións permanentes nas poboacións.

c) Venda ambulante en postos desmontables instalados na vía pública: aquela autorizada para un número de postos, situacións e períodos determinados.

d) Venda ambulante en mercados ocasionais: aquela autorizada en mercados esporádicos, que teñan lugar con motivo de feiras, festas ou acontecementos populares.

e) Venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda: aquela realizada nos citados medios e autorizada en zonas ou lugares determinados a través de acordoa da Xunta de Goberno Local.

3.—A actividade comercial desenvolvida baixo algunha das modalidades de venda ambulante ou non sedentaria deberase efectuar con suxeición ao réxime xeral da Lei 7/1996, do 15 de xaneiro, de ordenación do comercio retallista e na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, sen prexuízo do cumprimento doutras normas que resulten de aplicación.

Artigo 3.—Réxime de autorización

1.—Corresponde ao Concello de Cambados determinar a zona de localización para o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria, fóra da cal non se poderá exercer a actividade comercial. Os postos de venda ambulante ou non sedentaria non se poderán situar nos accesos a edificios de uso público, establecementos comerciais e industriais, nin en lugares que dificulten o acceso e a circulación. Os postos de venda instalados en beirarrúas ou vías públicas que vulneren o establecido no apartado anterior, serán retirados por persoal municipal, previa Resolución da Alcaldía.

2.—Para cada localización concreta e por cada unha das modalidades de venda ambulante ou non sedentaria que o comerciante se propoña exercer, deberá solicitar unha licenza, que será outorgada polo concello. Esta licenza dará dereito a un só posto de venda e só poderá solicitarse unha por cada epígrafe da CNAE que determina suxeición ao IAE.

3.—Tendo as licenzas a consideración de seren outorgadas sen prexuízo de terceiro e con natureza precaria, o exercicio de calquera actividade ou comercio na vía pública sen licenza municipal, ou sen axustarse a ela, dará lugar á retirada inmediata das instalacións, elementos e xéneros neles situados. No caso do parágrafo anterior, os interesados poderán recuperar os elementos retirados previo abono do importe dos custes de procedemento de custodia e almacenamento das mercadorías retidas. Os/as comerciantes terán a vista na parte frontal superior e perfectamente visible a licenza municipal, polo que presumirase que tal licenza non existe de non presentar a mesma no momento de ser esixida polos axentes municipais.

Artigo 4.—Características da autorización

1. As licencias de ocupación de vía pública nos días sinalados serán expedidas pola Administración municipal, sendo da súa competencia única e exclusiva o outorgamento das mesmas. Será competente para autorizar a venda nos lugares indicados nesta Ordenanza, unha resolución da Alcaldía, sen prexuízo de que se trate dunha competencia delegable, agás que a lexislación sectorial a atribúa expresamente a outro órgano. As licenzas serán individuais e intransferibles, salvo a excepción do art. 4.3, e a súa duración será de cinco anos, computado desde o outorgamento, prorrogable por idénticos períodos, de manterse as circunstancias que motivaron a autorización. A renovación anual das autorizacións para a venda ambulante farase no período comprendido entre o 1 OUTUBRO o 31 de OUTUBRO.

2.—O procedemento para o outorgamento da autorización para o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria realizarase en réxime de concorrencia competitiva. Se non fose procedente, por non ter que valorarse condicións especiais nos solicitantes, mediante sorteo. O procedemento será público e a súa tramitación deberase desenvolver conforme criterios claros, sinxelos, obxectivos e predicibles. A convocatoria será pública, debendo estar presentes os solicitantes no momento do sorteo. No caso contrario o posto volverá a sortearse. O sorteo realizarase entre todos os solicitantes, procedéndose á elección dos postos por orden no resultado do sorteo. Crearase una lista de reserva para todos aqueles solicitantes que non obteñan posto.O Concello fará pública a convocatoria ó menos dez días antes da adxudicación, publicando anuncio no boletín oficial da provincia, no Taboleiro de edictos e na páxina web do Concello.No caso de que, una vez realizado o sorteo, e esgotada a lista de reserva, resulten postos vacantes, ou estes se orixinen por renuncia dos seus titulares, os postos adxudicaranse por orden de entrada das solicitudes no rexistro do Concello, una vez esgotada a lista de reserva.Na resolución do procedemento fixaranse os requisitos da autorización, que terán que ser necesarios, proporcionais e non discriminatorios.

3.—As licenzas poderánselles conceder tanto a persoas físicas coma a persoas xurídicas, sexan sociedades mercantís ou cooperativas, e serán unicamente transferibles a outras persoas físicas ou xurídicas que cumpran os requisitos establecidos neste artigo, logo de comunicación á administración competente. A autorización é persoal. No caso de que o impedimento para o exercicio da venda que autoriza a licenza municipal sexa temporal ou transitorio, o titular, mantendo tal condición, poderá ser substituído, previa autorización municipal, polos familiares en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, sempre que o familiar proposto non sexa titular doutra autorización e que estea dado de alta na seguridade social, cando proceda, todo o cal deberá documentarse adecuadamente. O titular da autorización poderá contratar persoal que lle asista na atención do posto.

4.—O Concello de Cambados poderá comprobar e inspeccionar, en todo momento, os feitos, actividades, transmisións e demais circunstancias da licenza concedida, notificando, se é o caso, aos órganos autonómicos de defensa da competencia os feitos dos cales teñan coñecemento no exercicio das súas funcións que poidan constituír infracción da lexislación de defensa da competencia. A transmisión dunha autorización non afectará o seu período de vixencia, que se manterá polo tempo que reste ata a finalización do prazo de duración.

5. A autorización debe definir, polo menos, o prazo de validez, os datos identificativos do titular, o lugar ou lugares en que se pode exercer a actividade, os horarios e as datas en que se poderá levar a cabo así como os produtos autorizados para a venda.

6. O titular da autorización de produtos de alimentación e herbodietética deberá adicionalmente cumprir os requisitos que impón a normativa sanitaria.

7. O comerciante deberá ter expostos para o público e para as autoridades que realicen actuacións inspectoras, en forma facilmente visible a autorización municipal.

8. As autorizacións entenderanse concedidas en precario e poderán ser revogadas unilateralmente polo Concello de Cambados no caso de incumprimento da normativa ou desaparición das circunstancias que as motivaron, sen que tal feito dea orixe a indemnización ou compensación ningunha.

Artigo 5. Requisitos para o exercicio da actividade de venda ambulante ou non sedentaria

1. Serán requisitos inescusables para a concesión da licenza de venda ambulante os seguintes:

a) Estar dado ou dada de alta no réxime correspondente da Seguridade Social e, de ser o caso, no imposto de actividades económicas.

b) Cumprir cos requisitos das regulamentacións de cada tipo de produtos.

c) Estar en posesión, de ser o caso, do certificado acreditativo de ter recibido formación en materia de manipulación de alimentos.

d) Satisfacer as taxas e os tributos fixados na correspondente ordenanza municipal.

e) Dispoñer dos permisos de residencia e de traballo que, en cada caso, sexan exixibles, de se tratar de persoas estranxeiras.

f) As persoas xurídicas deberán acreditar os seguintes extremos: o CIF, a acta de constitución, os estatutos e a escritura de poder outorgada á persoa que asina a solicitude de autorización en representación da empresa.

g) Dispoñer de seguro de responsabilidade civil.

2. Os vendedores ambulantes deberán cumprir no exercicio da súa actividade, a obriga de coñecer e cumprir a normativa xeral de ordenación do comercio, disciplina de mercado e protección do consumidor e cumprir as condicións e requisitos esixidos pola normativa reguladora dos produtos que sexan obxecto da venda.

3.—As instalacións e maquinaria que se empreguen para os postos de venda terán que ser desmontables e reunirán en todos os casos, as debidas condicións de seguridade, salubridade, limpeza e presentación, podéndose ordenar a retirada das instalacións ou maquinaria que non reúnan as devanditas características.

CAPITULO II.—COMPETENCIAS MUNICIPAIS

Artigo 6. Correspóndelle ao Concello de Cambados, dentro do seu termo municipal:

1.—Conceder a autorización para o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria, de acordo co establecido nesta Ordenanza. As autorizacións concederanse en condicións non discriminatorias e o procedemento deberá garantir a transparencia e a imparcialidade e, en concreto, a publicidade adecuada de inicio, desenvolvemento e fin do proceso.

2.—Revogar ou anular a autorización concedida cando desaparezan as circunstancias que motivaron a súa concesión e segundo o disposto no art. 12 desta Ordenanza.

3.—Fixar na correspondente ordenanza fiscal as taxas para o exercicio da actividade no dominio público municipal.

4.—Establecer a ubicación, datas e horarios de celebración das feiras e mercadillos do Concello, a súa modificación e supresión.

5.—Determinar os artigos dos que se autoriza a venda nos mercadillos que se celebren no termo municipal, de conformidade coa normativa específica que regule a comercialización de cada grupo de produtos e as prohibicións específicas contidas na Lei 13/2010, do 17 de decembro, de Comercio Interior de Galicia.

6.—Establecer as condicións necesarias para o desenvolvemento do tránsito normal de vehículos e peóns, indicando as vías de circulación e os espazos de aparcamento, carga e descarga.

7.—Establecer as condicións de vixilancia e control no desenvolvemento da feira ou mercado.

8.—O Concello de Cambados coidará de que os lugares destinados ao exercicio da venda ambulante se atopen en axeitadas condicións de limpeza e salubridade, debendo exercer o debido control hixiénico e sanitario, en especial dos produtos perecedoiros e de alimentación, de acordo coa lexislación e coas ordenanzas vixentes.

9.—Impoñer as sancións correspondentes ás condutas constitutivas de infracción, de acordo co establecido no Capítulo VII da presente Ordenanza.

CAPITULO III.—RÉXIME XERAL DE AUTORIZACIÓN

Artigo 7. Autorización Municipal

1. O exercicio da actividade regulada nesta Ordenanza está suxeita a previa concesión de licenza polo órgano municipal competente e de acordo co procedemento previsto nesta Ordenanza e segundo establecen nos arts. 74 e seguintes do Regulamento de Bens das Entidades Locais, aprobado po Real Decreto 1372/1986, de 13 de xuño, e artigo 72 da Lei 13/2010, de 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

2. O seu outorgamento é discrecional e estará sometido á comprobación previa polo Concello do cumprimento polo peticionario dos requisitos legais en vigor para o exercicio do comercio así como do establecido pola regulación do produto para o que se autoriza a venda.

3. A autorización seralle outorgada á persoa física ou xurídica titular da actividade, sendo expedidas de forma nominativa para cada unha das súas persoas traballadoras, que cumpran cos requisitos do artigo 5.1 desta Ordenanza, e habilitará ao exercicio da venda ambulante ou non sedentaria ao seu titular.

4. Só se dará unha autorización a cada titular e para un só posto de venda.

Artigo 8. Procedemento

1. A autorización para o exercicio da actividade deberá ser solicitada polo interesado ou representante debidamente autorizado, en impreso normalizado, no prazo de convocatoria pública aberta polo Concello. A solicitude para a obtención dun posto deberá ser presentada no Rexistro Xeral do Concello, conforme ao modelo establecido no anexo deste regulamento, dende as 8:30 ás 14:30 horas durante os dez (10) días seguintes á publicación do anuncio. Tamén poderanse presentar proposicións por correo ou calquera outro medio que permita ter constancia fehacente da súa entrega, caso no que o/a interesado/a deberá acreditar, co resgardo correspondente, a data de imposición do envío na oficina de correos e anunciar o mesmo día ó Concello de Cambados, por Fax, Télex ou Telegrama, a remisión da solicitude; sen a concorrencia de ambos requisitos non será admitida a solicitude, no caso en que se recibise fora do prazo fixado no anuncio ao que se achegará a seguinte documentación:

A. Persoas físicas: fotocopia compulsada do DNI, pasaporte ou documento que o substitúa.

B. Persoas xurídicas: CIF, a acta de constitución, os estatutos e a escritura de poder outorgada á persoa que asina a solicitude de autorización en representación da empresa.

C. Declaración responsable xunto coa documentación que acredite o cumprimento dos mesmos, que comprenderá os seguintes extremos:

C.1.—O cumprimento dos requisitos establecidos, ás persoas xurídicas deberán acreditar os seguintes aspectos: CIF, acta de constitución, estatutos e escritura de poder outorgada á persoa que asine a solicitude de autorización en representación da empresa.

C.2.—Estar en posesión da documentación que así o acredite a partir do inicio da actividade, reunir as condicións esixidas pola normativa reguladora do produto ou produtos que sexan obxecto de venda e dispoñer en caso de comercializar produtos alimenticios, do certificado acreditativo de haber recibido formación en materia de manipulación de alimentos.

C.3.—Manter o seu cumprimento durante o prazo de vixencia da autorización e satisfacer ás taxas e/ou tributos fixados na ordenanza municipal correspondente.

C.4.—Estar dado de alta na epígrafe correspondente do imposto de actividades económicas e estar ao día no pagamento da tarifa ou, en caso de estar exento, estar dado de alta no censo de obrigados tributarios.

C.5.—Estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social e ao corrente non pagamento das cotizacións.

C.6.—Dispoñer dos permisos de residencia e de traballo que, en cada caso, sexan exixibles, de se tratar de persoas estranxeiras.

C.7.—Reunir as condicións esixidas pola normativa reguladora do produto ou produtos obxecto da venda ambulante ou non sedentaria, o titular da autorización de produtos de alimentación e herbodietética deberá adicionalmente cumprir os requisitos que impón a normativa sanitaria.

C.8.—Declaración expresa de que o solicitante coñece a normativa sectorial aplicable no termo municipal.

C.9. Dispoñer de seguro de responsabilidade civil, cunha cobertura mínima de 150.000 euros, para responder de posibles danos a persoas ou bens a resultas da actividade autorizada.

C.10.—Atoparse ao corrente no cumprimento do pago das Taxas Municipais.

2.—A tarxeta de persoa vendedora ambulante, expedida pola Administración autonómica, logo da inscrición voluntaria no Rexistro Galego de Comercio regulado no artigo 8 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, servirá como acreditación dos extremos sinalados na liña 2 do artigo 73 da devandita Lei.

3.—No impreso normalizado, especificarase:

a) Para as persoas físicas: nome, apelidos e documento nacional de identidade do interesado e, no seu caso, da persoa que o represente, así como a identificación do domicilio que se sinale a efectos de notificacións.

b) Para as persoas xurídicas: nome, apelidos e documento nacional de identidade do representante legal, así como a identificación do domicilio que se sinale a efectos de notificacións, teléfono, fax e dirección de correo electrónico.

c) Para os cidadáns non comunitarios: nome, apelidos, documento nacional de identidade ou pasaporte e permiso de residencia e traballo que en cada caso sexan esixidos, así como a identificación do domicilio que se sinale a efectos de notificacións.

d) A identificación no seu caso da/s persoa/s con relación laboral ou familiar que vaian colaborar no desenvolvemento da actividade.

e) Modalidade de venda ambulante para a que solicita autorización, con descrición da actividade, oficio e/ou produtos obxecto de venda.

f) Dimensións, expresadas en m2 e metros lineais do espazo de ocupación que pretende, indicando, para estes efectos, se a venda se pretende realizar en posto desmontable ou dende vehículo ou furgón.

g) A matrícula, marca, modelo e cor do vehículo que se utiliza para a venda.

h) Lugar e datas de exercicio da venda ambulante.

i) Lugar, data e firma do solicitante.

4.—En caso de que a solicitude ou documentación presentada non sexa correcta, concederase un prazo de dez días para a súa subsanación, de acordo co que establece o art.71 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común.

5. O órgano competente para a concesión ou denegación da autorización é o Alcalde, previo informe do servizo municipal correspondente e logo de sorteo público nos termos do artigo 4.2 desta Ordenanza.

Artigo 9. Outorgamento da Autorización Municipal

9.1.—Rematado o prazo de presentación de solicitudes, e unha vez recibida a documentación completa procederase á concesión provisional da autorización. Os solicitantes, deberán presentar no prazo de 15 días hábiles dende a recepción da comunicación da concesión provisional da autorización, a seguinte documentación acompañados dos orixinais para o seu cotexo:

1.—Dúas fotografías actuais do solicitante tamaño carné.

2.—Xustificante do pago das taxas municipais polo exercicio da venda ambulante ou non sedentaria no dominio público municipal.

3.—Copia do seguro de responsabilidade civil con vixencia durante o período para o que se solicita a autorización municipal, que garante a cobertura de calquera clase de risco que a maquinaria, instalacións ou produtos, poida orixinar.

4.—A acreditación da circunstancia de estar dado de alta e ao día do pagamento do imposto de actividades económicas ou, se é o caso, no censo de obrigados tributarios, ou ben autorización ao Concello de Cambados para que verifique o seu cumprimento.

5.—O/a interesado/a na ocupación da vía pública para o exercicio corrente abonará a taxa en calidade de depósito previo pola totalidade do ano no momento da adxudicación. O que solicite a ocupación ou renovación para o exercicio seguinte dentro do prazo fixado deberá comunicar o sistema de pago elixido e no seu caso o número de conta na entidade financeira. A efectos de liquidación do prezo público e para o cálculo do mesmo teranse en conta os metros cadrados de cada posto. Poderán habilitarse os sistemas de pago que estime o Concello de Cambados, incluíndo solucións de pago a través de entidades bancarias e, en xeral, todos aqueles medios axeitados e que poidan facilitar a xestión municipal, incluíndo as novas tecnoloxías actuais ou futuras.

9.2.—De non se presentar a devandita documentación no prazo concedido, non terá validez a autorización provisional previamente recoñecida.

Artigo 10. Contido da Autorización

O Concello de Cambados expedirá as autorizacións en documento normalizado, no que se farán constar os seguintes datos:

Nome e apelidos ou denominación social.

Fotografía tamaño carné.

Prazo de vixencia da Autorización.

Modalidade de comercio ambulante autorizado.

Dimensións e tipo de posto a instalar, e o seu emprazamento no perímetro feiral.

Horarios e datas nas que se poderá levar a cabo.

Produtos autorizados para a venda.

Número de Rexistro Municipal outorgado ao titular da Autorización e Número de vendedor ambulante no rexistro da Xunta de Galicia.

Condicións particulares ás que se suxeita a autorización da actividade, de ser o caso.

Persoas autorizadas para a venda cun máximo de dúas xunto coa fotografía.

O documento orixinal e normalizado da Autorización deberá ser exhibido polo comerciante durante o exercicio da actividade, colocada en lugar perfectamente visible, para o público e para as autoridades que realicen actuacións inspectoras. As reclamacións dos clientes, en caso de habelas, faranse no propio concello onde se lle facilitaran os datos da autorización dos comerciantes.

Artigo 11. Vixencia e renovación da Autorización

1. Atendendo a súa vixencia as autorizacións poden ser de dous tipos:

a) As de carácter quinquenal.

b) As de carácter diario ou eventual para ambulantes en ruta, ambulantes ocasionais e pequenos industriais ou artesáns.

2. As autorizacións do apartado

a) do punto anterior terán un prazo de duración de cinco anos. A autorización que se outorgue non dará lugar a un procedemento de renovación automática nin conlevará ningún outro tipo de vantaxe para o prestador cesante ou as persoas que están especialmente vinculadas a él. A concesión de autorizacións poderán renovarse expresamente previa solicitude dos titulares, presentada no período comprendido entre o 1 de Outubro o 31 de Outubro anterior a data de remate da autorización.

3. Aqueles interesados en exercer a actividade ocasionalmente durante días illados, deberán presentar a súa solicitude de acordo co establecido nesta Ordenanza, polo menos quince días antes de aquel no que se inicie a actividade.

Artigo 12. Extinción da Autorización Municipal

1. Sen prexuízo do disposto noutros preceptos desta Ordenanza, as autorizacións extínguense por:

a) Transcurso do prazo polo que se outorgaron, sen solicitar a renovación ou sen pagar.

b) Falta de pago das taxas municipais correspondentes, dentro do prazo establecido ao efecto.

c) Renuncia expresa e escrita do titular.

d) Causas de interese público sobrevidas, incluso antes da terminación do prazo polo que se outorgou a autorización.

e) Falecemento do titular no caso de persoa física; ou extinción da persoa xurídica, salvo o establecido no art. 4.3 para as substitucións previa autorización municipal.

f) Perda dalgún dos requisitos establecidos no seu outorgamento.

g) Falta de pago das sancións municipais que se impuxesen.

h) Cometer algunha das infraccións contidas nesta ordenanza, tipificadas como infracción grave, ou moi grave, ou reincidir na infracción.

2. Salvo nos supostos de extinción polo transcurso do prazo, que operará automaticamente, os expedientes de extinción poderán iniciarse de oficio ou a instancia de parte, correspondendo a súa resolución ao Sra. Alcaldesa. Todo expediente de extinción será sometido a información pública durante quince días mediante nota-anuncio que se publicará no taboleiro de edictos do Concello, e no mercado ou feira.

CAPÍTULO IV. REXISTRO MUNICIPAL DE VENDEDORES AMBULANTES

Artigo 14. Rexistro Municipal

1. Créase o Rexistro municipal de vendedores ambulantes, que será xestionado polos servizos municipais da Concellería de Economía, Facenda, Industria, Promoción Económica e Comercio e a inscrición nese será consecuencia inmediata da concesión da autorización municipal correspondente para o exercicio da actividade, ou ben no momento da súa transmisión, partindo dos datos contidos na declaración responsable.

2. A inscrición dos titulares de autorizacións municipais de venda ambulante vixente ao tempo de posta en funcionamento deste rexistro farase de oficio pola autoridade municipal, sen que sexa precisa a solicitude formalizada por aqueles; non obstante, estarán obrigados a comunicar e acreditar os datos que se lles requiran para a efectiva inscrición no Rexistro, sendo sancionados os incumprimentos non xustificados coa retirada da autorización municipal de venda ambulante.

3. Igualmente a inscrición no devandito rexistro de todo vendedor que cause nova alta na venda ambulante, farana de oficio os servizos municipais da Concellería de Economía, Facenda, Industria, Promoción Económica e Comercio.

4. Realizada a inscrición, expediráselle ao comerciante inscrito unha tarxeta ou documento acreditativo da autorización para o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria, cunha vixencia igual á vixencia da autorización.

5. O contido da tarxeta ou documento acreditativo, deberá ser como mínimo, os datos esixidos no artigo 3.3 do Real decreto 199/2010, de 26 de febreiro, polo que se regula o exercicio da venta ambulante.

6. No suposto de que a persoa vendedora ambulante non opte voluntariamente pola inscrición na sección do Rexistro Galego de Comercio, será o concello que autorice o exercicio da venda ambulante o que comunique os datos para a correspondente inscrición.

CAPÍTULO V.—DEREITOS E OBRIGAS

Artigo 15. Dereitos dos titulares da autorización

As persoas autorizadas para o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria, segundo o establecido nos artigos anteriores da presente Ordenanza, terán dereito a exercela nos días e lugares autorizados, salvo que coa debida antelación no Concello lles comunique a súa imposibilidade por concorrer causas de interese público debidamente xustificadas. Sempre que sexa posible, o Concello habilitará outro lugar ou autorizará outras datas para que se desenvolva a actividade, ademais:

1.—A ocupar o posto de venda que ten autorizado.

2.—A exercer pública e pacificamente, no horario e coas condicións establecidas, a actividade de venda autorizada.

3.—No caso de supresión do posto de mercado, o/a titular terá dereito preferente no novo emprazamento e a solicitar a ampliación da superficie asignada sempre que sexa posible na nova ubicación.

4.—A ser sustituídos na titularidade dos posto previa autorización do Concello e cumprindo os requisitos deste regulamento.

Artigo 16. Obrigas das persoas autorizadas

A autorización municipal implica as seguintes obrigas ao seu titular:

a) En canto á venda:

1. Ter á vista a autorización formalizada polo Concello:

As persoas que exerzan o comercio ambulante deberán ter exposto en forma facilmente visible e lexible para o público os seus datos persoais e o documento no que conste a autorización municipal. O Concello proverá a cada comerciante vendedor ambulante dunha tarxeta de identificación que deberá ser mostrada en calquera momento que lle fora requirida por axente de policía ou autoridades. A tarxeta será confeccionada polo Concello e permitirá o almacenamento dos seguintes datos:

Nome e apelidos ou denominación social.

Fotografía tamaño carné.

Prazo de vixencia da Autorización.

Modalidade de comercio ambulante autorizado.

Dimensións e tipo de posto a instalar, e o seu emprazamento no perímetro feiral.

Horarios e datas nas que se poderá levar a cabo.

Produtos autorizados para a venda.

Número de Rexistro Municipal outorgado ao titular da Autorización e Número de vendedor ambulante no rexistro da Xunta de Galicia.

Condicións particulares ás que se suxeita a autorización da actividade, de ser o caso.

Persoas autorizadas para a venda.

2. Respectar os horarios da feira ou mercado no que estea autorizado, aínda que esgote as mercadorías.

3. Ir á feira, mantendo o posto con actividade e instalarase no posto que teña asignado polo Concello, tendo que comunicar ao Concello a ausencia temporal xustificada.

4. Realizar a venda de aqueles produtos para os que estea autorizado.

5. Cumprimento da normativa de protección ao consumidor e da que regula cada tipo de venda, a de prezos e etiquetado e cumprir con tódalas disposicións que emanen deste Regulamento.

6. Conservar as facturas e albaráns de entrega da mercadoría posta á venda.

7. Ser respetuoso coa clientela e cos axentes da autoridade encargados do control e vixilancia da feira ou mercado e dos operarios municipais que realicen tarefas de limpeza das instalacións e atenderá os requirimentos do persoal municipal, policía municipal ou autoridades competentes.

8. Comunicar ao Rexistro Municipal de Vendedores Ambulantes calquera modificación nos datos da Autorización e comunicar ao Concello o cambio de enderezo para deste xeito facilitar a comunicación das incidencias.

9. Os/as vendedores/as ambulantes deberán cumprir no exercicio da súa actividade con toda a normativa vixente na materia do comercio e da disciplina do mercado, deberán observar as normas de competencia leal e usos mercantís, e responderán ante a administración competente en cada caso, de que os produtos obxecto de venda cumpren as condicións e requisitos esixidos pola normativa que os regula, tanto en materia sanitaria como no referente á súa presentación, etiquetaxe e demais que se establezan nelas. Non poderán ser en ningún caso obxecto de venda ambulante ou non sedentaria os bens ou os produtos cuxa propia normativa o prohiba e aqueloutros que, por razón da súa presentación ou outros motivos, non cumpran a normativa técnico-sanitaria e de seguranza. En todo caso, non se poderán vender alimentos ou produtos alimentarios non envasados por quen careza do certificado acreditativo de ter recibido formación en materia de manipulación deles.

10. No desenvolvemento da súa actividade o comerciante/a deberá observar o disposto na normativa vixente.

11. Os postos que expidan artigos no que sexa necesario o peso ou medida, deberán dispor dunha báscula ou metro regulamentario.

b) Con relación aos postos:

1. Non se poderá ocupar un espazo superior ao da superficie autorizada.

2. Deberán de conservarse os postos, así como a superficie ocupada en perfecto estado de limpeza. Para o exercicio do comercio ambulante será necesario o uso de instalacións desmontábeis ou transportábeis así como dende os vehículos, incluídos os vehículos-tenda. Os vendedores están obrigados a manter limpo e nas debidas condicións, durante toda a celebración do mercadillo o espazo que lles fora asignado. Os refugallos e embalaxes, debidamente atados serán depositados nos colectores correspondentes.

3. O espazo ocupado deberá de quedar, tras a retirada do posto, libre de lixos.

4. Prohíbese o emprego de anclaxes ou elementos que danen o pavimento ou superficie sobre a que se coloquen os postos.

c) Criterios de revogación ou extinción da autorización:

As autorizacións outorgadas poderán ser revogadas unilateralmente polo Concello, sen dereito a indemnización ou compensación algunha, nos seguintes supostos:

1. Por motivos de interese público debidamente xustificados ou cando desaparezan as circunstancias que motivaron o seu outorgamento.

2. Polo falseamento da documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos esixidos na lei 13/2010 e no presente regulamento para o seu outorgamento.

3. Por incumprimento sobrevindo dos requisitos establecidos no presente regulamento así como na normativa aplicable ou por vulneración dos seus preceptos. En caso de que o/a titular tivese pechado o posta durante oito días de mercados seguidos, ou doce alternos (estes últimos nun período de seis meses), producirase a caducidade da autorización, logo da correspondente notificación, salvo de causa de forza maior debidamente xustificada.

CAPÍTULO VI.—INSPECCIÓN

Artigo 17.—Inspección

O Concello exercerá a intervención administrativa, as funcións de autoridade, policía e inspección en todos aqueles postos situados no mercado, sen prexuízo do labor inspector doutras administracións competentes nas materias relacionadas co mercado.

Os servizos municipais correspondentes velarán polo mantemento da orde pública e o cumprimento polos usuarios destas normas, e das que se diten no sucesivo na materia, sendo competencia municipal a inspección e sanción en materia de venda ambulante, sen prexuízo das competencias atribuídas a outras administracións en aplicación da normativa vixente. Os funcionarios dos servizos municipais que desenvolvan as funcións de inspección, ostentarán a condición de axentes da autoridade, previa acreditación da súa identidade. Os/as vendedores/as estarán obrigados/as a facilitar a inspección das instalacións, subministrar toda clase de información, tanto verbal como documental sobre as mesmas, así como no relativo a produtos e servizos e, en xeral, a colaborar en cantas actuacións sexan precisas.

CAPITULO VII.—RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 18.—Infraccións

1. As infraccións e correspondentes sancións relatadas pola normativa referida nos artigos 102 e seguintes da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia e no Real Decreto Lexislativo 1/2007, de 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios e outras leis complementarias, tramitaranse e aplicaranse segundo os devanditos textos legais, así como nas normas que os desenvolven.

2. Constitúen infraccións á presente ordenanza as seguintes condutas, que se clasificarán en leves, graves e moi graves.

A) Serán infraccións leves:

Producir ruídos, berros ou música que incumpran a Ordenanza municipal de ruídos e vibracións.

A falta de ornato ou limpeza das instalacións e da súa zona circundante, e non depositar o lixo nos lugares asinados polo concello.

Instalar o posto fóra do lugar sinalado, sempre e cando non prexudique a terceiro nin altere o normal desenvolvemento da feira ou mercado.

Non respectar os horarios establecidos polo Concello para cada feira ou mercado.

Aumentar a superficie do posto con máis metros dos autorizados, ou non gardar a distancia establecida entre postos.

As simples inobservancia das disposicións establecidas na Lei 13/2010, que non teñan repercusións económicas nin prexuízo para as persoas consumidoras.

En xeral, o incumprir as obrigas establecidas na Lei 13/2010, que non sexan obxecto de sancións específica.

Non ter á vista a autorización Municipal de Venta Ambulante.

B) Serán infraccións graves:

A reincidencia na comisión de infraccións leves.

Practicar a venda fóra dos perímetros e/ou dos lugares autorizados ou con transgresión dos días e dos horarios establecidos.

Practicar a venda calquera persoa non autorizada ou comerciantes que incumpran os requisitos establecidos na Lei 13/2010, nos regulamentos ou nas ordenanzas reguladoras.

Practicar a venda en lugares que non reúnan as condicións establecidas na Lei 13/2010, nos regulamentos ou nas ordenanzas reguladoras.

Negarse ou resistirse a subministrar datos ou a facilitar a información requirida polas autoridades ou o seu funcionariado e axentes da Administración comercial no exercicio das súas funcións de comprobación e mais a subministración de información inexacta ou incompleta.

Incumprir as disposicións administrativas relativas á prohibición de comercializar ou distribuír determinados produtos.

Exixir prezos superiores a aqueles que fosen obxecto de fixación administrativa.

Cursar información errónea ou claramente insuficiente cando esta se solicitase de conformidade coa normativa aplicable e teña carácter esencial, se xeren graves danos ou exista intencionalidade.

Falta de limpeza no posto durante o tempo da venda.

A venda de produtos distintos aos autorizados.

A venda de produtos en condicións deficientes ou deteriorados.

Ter sido sancionado por incumprimento da normativa relativa ao exercicio da actividade por outra Administración.

Falta da envoltura regulamentaria nos artigos alimenticios á venda.

Falta de aseo, limpeza e hixiene en vendedores, postos e ferramentas, e a non limpeza do lugar unha vez finalizada a actividade do mercado.

Non acreditar mediante factura a procedencia das mercadorías de ser requiridos.

Provocar alteracións de orde público, ou instar a terceiras persoas con ese mesmo fin.

O acceso ou estacionamento de vehículos dos vendedores nas zonas destinadas ao mercado, fora dos horarios establecidos ou permitidos.

Non pagar as taxas correspondentes.

A non comunicación ao Concello do cambio de domicilio.

Non acreditar as cotizacións ao Réxime da S. Social correspondente cando o Concello o demande.

Non ter recollido o posto antes dás 15:30 Horas.

C) Serán infraccións moi graves:

A reincidencia na comisión de infraccións graves.

Negarse ou resistirse a subministrar datos ou a facilitar a información requirida polas autoridades e os seus axentes no exercicio das súas funcións de inspección, cando se efectuar a través de violencia física ou verbal ou calquera outra forma de presión.

Cometer infraccións en materia sanitaria e de consumo.

O exercicio da venda ambulante sen autorización, ou o exercicio da actividade por persoa distinta do titular ou persoa autorizada.

Cometer as infraccións cualificadas como graves, sempre que supuxesen unha facturación, afectada pola infracción, superior a un millón de euros.

Entenderase por reincidencia a comisión, no período dun ano, de máis dunha infracción da mesma natureza, cando así fose declarado por resolución firme. Malia o anterior, para cualificar unha infracción como moi grave só se atenderá á reincidencia en infraccións graves, e a reincidencia en infraccións leves só determinará que unha infracción deste tipo sexa cualificada como grave cando se incorrese en máis de dúas infraccións de carácter leve, cando así fose declarado por resolución firme.

Artigo 19. Sancións.—As sancións que se aplicarán serán as que seguen:

1) Por faltas leves: peche do posto correspondente durante o seguinte día de mercado ou o multa de ata 1.500 euros.

2) Por faltas graves: Peche do posto correspondente durante os seguintes catro días de mercado ou multa de 1.501 ata 50.000 euros.

3) Por faltas moi graves:

a) Peche do posto correspondente durante o seguinte ano natural de mercado ou multa de 50.001 ata 1.000.000 de euros.

b) E/ou revogación da autorización sen indemnización.

As sancións graduaranse en función dos seguintes criterios: reincidencia, transcendencia social da infracción, volume de facturación ao que afecte, contía do beneficio obtido, grado de intencionalidade e natureza dos prexuízos causados. Cando a autorización sexa revogada a consecuencia de infraccións moi graves, o seu titular non poderá obter autorización ningunha durante o prazo de dous anos para o exercicio da actividade no municipio de Cambados, sen dereito a reserva do posto.A Alcaldía poderá acordar, como sanción accesoria, o decomiso das mercancías adulteradas, deterioradas, falsificadas, fraudulentas, non identificadas, que entrañan risco para o consumidor,ou que incumpran os requisitos mínimos establecidos para a súa comercialización; así como nos casos de venda de produtos non autorizados e nos casos legalmente establecidos. Os gastos de transporte, distribución, destrución, etc., da mercancía sinalada no paragrafo anterior, serán por conta do infractor.

O exercicio de calquera actividade ou comercio na vía pública sen autorización municipal dará lugar á retirada das instalacións, elementos e xéneros neles situados e presumirase que tal autorización non existe de non se presenta-la correspondente autorización no momento de ser esixida polos axentes municipais.

Artigo 20. Procedemento

Para a determinación das infraccións e a imposición das sancións previstas nesta ordenanza será de aplicación os artigos 114 e seguintes da Lei 13/2010, de 17 de decembro, do comercio interior de Galicia e o Real Decreto 1398/1993, de 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora; a Lei 30/1992, de 26 de novembro, reguladora do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, e demais normas concordantes.

CAPITULO VIII.—CONDICIÓNS ESPECÍFICAS DE CADA MODALIDADE
DE VENDA AMBULANTE OU NON SEDENTARIA

Artigo 21. Modalidades

As feiras e mercados que se realizan no Concello de Cambados son:

1. Mercado

2.—Festas populares e outros “mercadillos” ocasionais, Mercado das Flores de Defuntos ou Feiras de produtos tradicionais, artesanía, etc....

1–“O Mercado”: Celébrase no Concello de Cambados como un xeito de desenvolvemento da comunidade, de dinamizar a produción da comarca e estimular o intercambio económico, mantendo esta forma de comercio tradicional.

UBICACIÓN:

Actualmente a zona destinada a actividade de venda ambulante é a comprendida nas inmediacións da Praza de Abastos, Paseo Marítimo dende o cruce da rúa do Muelle, ata o cruce da rúa Alameda e inmediacións.

O Concello poderá modificar o emprazamento do Mercado por causa de forza maior, de interese xeral ou municipal.

O Concello, por causa de interés xeral, e previo cumprimento dos requisitos establecidos na lexislación vixente, poderá modificar as prescricións desta Ordenanza dispoñendo o traslado dos postos de venda a outro ou outros lugares, a redución do número de postos de venda, e incluso a súa total supresión, sen que elo de lugar a indemnización algunha.

Por acordo previo e motivado de alteración dos lugares de venda ou do día da celebración do mercado, polas causas anteriormente citadas, adoptarase pola Xunta de Goberno Local .

Os postos de venda instalaranse no espazo delimitado polo Concello, deixando libre os accesos a edificios de uso público, establecementos industriais ou comerciais, o espazo diante dos escaparates ou exposicións, e de xeito que non se dificulten tales accesos á circulación peonil.

Unha vez transcorrido o horario de montaxe dos postos, queda prohibida a permanencia ou entrada de calquera vehículo no recinto do mercado, salvo días de temporal ou forza maior. Esta prohibición non afecta aos vehículos-tenda ou aqueles outros vehículos que son necesarios para a realización da venda ambulante, que en todo caso, requiriran a autorización previa do Concello.

DATAS:

Os días de Mercado serán todos os mércores e sábados do ano, a excepción daqueles que por coincidiren con actos ou actividades de gran afluencia de persoas, o Concello estime a conveniencia de que non se celebre o Mercado. Neste caso, a comunicación aos vendedores ambulantes farase cun mínimo de sete días de antelación.Con carácter xeral o mercado celebrarase os mércores e sábados de cada semana, anticipándose a súa celebración o día anterior cando o mércores ou sábado fora festivo ou o seu precedente si ese día tamén fose festivo.

HORARIO:

a) Descarga e instalación: 7:00 a 9:00 h.quedando prohibida a entrada fora do horario indicado, así como a instalación do posto baleiro por outro vendedor. Unha vez finalizada a operación de descarga de mercadorías non poderá permanecer no interior do recinto ningún vehículo a partir das 9:00 h, excepto os autorizados.

b) Actividade comercial: de 9:00 a 13:30 h. Nos meses de Xullo e Agosto, o horario de actividade comercial dos postos, prolongarase unha hora máis.

c) Carga e recollida dos postos: antes das 15:00h. Todos aqueles vendedores que non tiveran levantado o seu posto ás 15:30 h. serán denunciados pola Policía Local e os vehículos retirados pola grúa.

VENDEDORES:

Poderán exercer a venda ambulante todos os comerciantes que posúan a correspondente Autorización municipal, nas condicións nela recollidas.

POSTOS:

Dimensións máximas: 12 x 3m, ou a dimensión do vehículo autorizado.

A estrutura debe ser metálica, facilmente desmontable e transportable, cunha cobertura de lona ou toldo impermeable de cores neutras.

Debe ter unha tarima cunha altura mínima, a contar dende o chan, de 0,60m.

Deben ter un receptáculo con tapadeira dentro do posto para verter os residuos xerados na actividade do comercio.

Os postos teñen que estar en boas condicións de aseo e hixiene.

PRODUTOS:

Só poderán expoñerse e venderse produtos autorizados, tales como artigos textis, de pel, calzado, artesanía, cestería, ornato de pequeno volume, material navideño, cosmética, perfumería, bixutería, libros non de texto, aparatos de radio, cintas de música, de vídeo, plantas, sementes, xoguetería, árbores e outros análogos. Os agricultores poderán vender directamente os produtos do campo tales como verduras, legumes e froitas sen estar de alta no imposto de Actividades económicas, nin afiliación a Seguridade Social, previa manifestación de que tales produtos son sobrantes de consumo familiar propio(excedente de produción) que será comprobado (non permitíndose a venda de produtos fora de temporada). A administración municipal esixirá a alta no imposto de actividades económicas e afiliación a Seguridade Social cando os produtos do campo non proveñan dunha explotación agrícola destinada o consumo familiar, por considerarse o vendedor como un intermediario.

PRODUTOS PROHIBIDOS:

Non se poderá conceder autorización para a venda daqueles produtos cuxa normativa así o prohiba e aqueles outros que, en razón da súa presentación ou doutros motivos, non cumpran a normativa técnico-sanitaria e de seguridade, podendo ademais as autoridades sanitarias prohibir a venda de determinados produtos cando motivos de saúde pública o aconsellen. en todo caso, non se poderán vender alimentos ou produtos alimentarios non envasados por quen careza do certificado acreditativo de haber recibido formación en materia de manipulación dos mesmos. Queda expresamente prohibida a venda de material escolar e papelería en xeral, animais vivos, carnes, aves e caza fresca, refrixerados e conxelados, leite, queixo e bolería, semiconservas, herbas medicinais, óptica e en xeral todo produto de alimentación salvo os recollidos no apartado anterior, así como calquera outras substancias de tal carácter e actividades sometidas ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental de conformidade co previsto no Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación da incidencia ambiental. Non obstante, en supostos excepcionais poderá autorizarse a venda dos produtos a que se refire este artigo cando se dispoña de instalacións frigoríficas ou os produtos están debidamente envasados, reunindo as condicións de hixiene, sanidade, calidade e seguridade alimentaria, estipuladas nas disposicións vixentes, ademais de contar co informe favorable da Delegación provincial da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ou Organismo competente. Dado o carácter singular da venda ambulante de produtos alimenticios, ademais das condicións xerais que o presente regulamento establece para todos os postos de venda, aqueles nos que se expendan produtos alimenticios deberán reunir as condicións hixiénico-sanitarias e doutra índole que se establezan nas regulamentacións específicas dos produtos comercializados e instalacións.”

2.—Festas populares e outros “mercadillos” ocasionais, Mercado das Flores de Defuntos ou Feiras de produtos tradicionais, artesanía, etc.....= Este tipo de feiras ou mercadillos poderaos organizar o Concello de Cambados, de xeito periódico ou esporádico como unha maneira de fomentar o turismo do Concello, ou para lograr a revitalización comercial dun sector artesanal ou de interese para a comarca. No devandito acordo fixarase: A ubicación dos devanditos “mercadillos”. Días e horario de celebración dos mesmos. Produtos autorizados. Condicións específicas dos postos, se fosen esixibles As especialidades respecto do réxime xeral de outorgamento de autorizacións, tales como vixencia da mesma, prazo de solicitude, persoas recollidas na súa vixencia. Taxa municipal correspondente.

Disposición transitoria

Os comerciantes ambulantes que veñen exercendo este tipo de venda no momento de entrada en vigor desta Ordenanza, e que reúnan os requisitos nela establecidos, conservarán o sitio no que se veñen instalando ou ben poderán escoller un posto vacante previo o sorteo de adxudicación, no caso de haber varios interesados nunha mesma ubicación sortearase a mesma entre os interesados, pero deben obter a preceptiva licenza municipal no prazo de un mes a contar dende a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. No caso de non obter a licenza no prazo indicado, non poderán exercer a venda ambulante.

Disposición adicional

Para o non disposto nesta ordenanza, estarase ao establecido nas normas de carácter autonómico, estatal ou comunitario que resulten de aplicación.

Quedan excluídos do ámbito desta ordenanza a regulación dos postos autorizados na vía pública de carácter fixo e estable nos que se desenvolvan actividades comerciais de xeito habitual e permanente.

No caso de decomiso ou intervención cautelar de mercadorías, así como nos supostos de retirada e/ou intervención de instalacións, elementos e xéneros polos axentes da Policía Local, segundo o establecido no presente regulamento, procederase ao depósito dos mesmos no lugar que se determine. Os produtos intervidos deberán destruírse en caso de que a súa utilización ou consumo constitúa un perigo para a saúde pública, ou cando incumpran os requisitos mínimos establecidos para a súa comercialización. Os interesados poderán recupera-los elementos retirados, que non deban ser destruídos, no prazo de 15 días, previo abono do importe das taxas e demais gastos orixinados por tal retirada no importe fixado na correspondente ordenanza fiscal, sen prexuízo da sanción correspondente. Transcorrido o prazo anteriormente sinalado dende a súa intervención sen comparecer o titular para facerse cargo dos mesmos, entenderase que desiste no seu interés e titularidade, podéndose proceder a súa destrución ou darlle outro destino que se considere, sen posibilidade de reclamación ou indemnización algunha.

Disposición final

A presente Ordenanza unha vez aprobada polo Pleno do Concello, entrará en vigor unha vez publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia de acordo co establecido no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local. Contra esta ordenanza poderá interpoñerse recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Disposición derogatoria.—A partir da entrada en vigor do presente texto adaptado, quedan derogadas cantas resolucións e acordos municipais se opoñen, contradigan ou resulten incompatibles co mesmo

Cambados, a 11 de febreiro de 2016.—A Alcaldesa, Fátima Abal Roma.

NOTA INFORMATIVA: O contido da versión HTML deste anuncio ten carácter meramente informativo e está dispoñible nesta páxina para comodidade do cidadán. O anuncio con validez legal é a versión PDF asinada electronicamente.