setembro    
    2017    
L M M X V S D
1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30

BOPPO número 35

luns, 22 de febreiro de 2016

ADMINISTRACIÓN LOCAL

Municipal

Cambados

Ordenanzas e Regulamentos

TEXTO APROBACIÓN DEFINITIVA DA ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DO SERVIZO DE TELEASISTENCIA DOMICILIARIA

O Pleno da Corporación, en sesión celebrada o día 26.11.2015, acordou aprobar inicialmente a Ordenanza Municipal reguladora do servizo de teleasistencia domiciliaria do Concello de Cambados, exposto ó público o expediente, e non téndose presentado contra o mesmo reclamación ou alegación algunha, elevase a definitivo o acordo ata entón provisional, publicándose o seu texto íntegro, para xeral coñecemento:

ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DO SERVIZO DE TELEASISTENCIA DOMICILIARIA DO CONCELLO DE CAMBADOS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Artigo 25 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, establece que o Municipio xestiona os seus intereses e, no ámbito das súas competencias, pode promover toda clase de actividades e prestar cantos servizos públicos contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade veciñal.

Por outra banda, a Deputación Provincial ten competencias en materia de Servizos Sociais segundo o previsto no artigo 63 da Lei 13/2008, de 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia, así como no Decreto 99/2012, de 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, e no seu artigo 31 sobre as competencias das deputacións provinciais, que se concretan na prestación de asistencia económica, técnica e xurídica ós concellos con menos de 20.000 habitantes, na implantación e xestión dos servizos sociais comunitarios.

En base a esta lexislación, asínase un convenio de colaboración entre o Concello de Cambados e a Deputación de Pontevedra para desenvolver o programa de Teleasistencia Domiciliaria, e faise necesario polo tanto facer unha Ordenanza que regule este servizo co obxectivo de perseguir e potenciar a transparencia, a eficacia e a eficiencia na súa prestación.

ORDENANZA REGULADORA DO SERVIZO DE TELEASISTENCIA
DOMICILIARIA DO CONCELLO DE CAMBADOS

ARTIGO 1.—OBXECTO

Constitúe obxecto da presente Ordenanza a prestación de servizos sociais comunitarios de carácter asistencial e preventivo na prestación do Servizo de Teleasistencia domiciliaria en Cambados (Pontevedra), tendente a mellorar as condicións de vida daquelas persoas ás que, pola súa avanzada idade, discapacidade, illamento social, etc. lles supoña un apoio co fin de favorecer a súa permanencia na contorna habitual.

ARTIGO 2.—CONDICIÓN DE BENEFICIARIO

1.—Poden ser usuarios do Servizo de Teleasistencia todas aquelas persoas ás que, pola súa avanzada idade, discapacidade, illamento social, etc. lles supoña un apoio co fin de favorecer a súa permanencia na contorna habitual.

2.—Poderán gozar da condición de usuarios do Servizo de Teleasistencia todas aquelas persoas que, á data de entrada en vigor da presente Ordenanza, se atopen recibindo o servizo, e que non manifestasen a súa negativa expresa a seguir recibíndoo.

3.—Será indispensable, para obter a condición de usuario do Servizo de Teleasistencia domiciliara, estar empadroado neste Municipio.

4.—A condición de beneficiario non se entenderá nunca como un dereito permanente, senón que sufrirá modificación ou se perderá en función da variación das causas que motivaron a súa concesión.

5.—Deben excluírse como usuarios as persoas con enfermidades mentais graves, incluídas demencias, dado que o manexo do sistema require un certo nivel de comprensión e discernimento.

6.—Doutra banda, dado que o sistema posibilita a atención en base principalmente á comunicación verbal usuario-centro de atención, deben excluírse tamén ás persoas con notorias deficiencias auditivas e/ou de expresión oral.

ARTIGO 3.—PERDA DA CONDICION DE USUARIO

A condición de usuario do Servizo de Teleasistencia domiciliaria poderá perderse por calquera das seguintes causas:

a) Por renuncia expresa do usuario.

b) Por falecemento ou cambio de domicilio fóra do Municipio do usuario.

c) Por decisión do Concello, en base aos informes dos servizos sociais comunitarios, ao non cumprirse as condicións polas que o servizo foi concedido.

d) Por incumprimento das súas obrigas como usuarios.

e) Por ingreso definitivo do usuario en centro residencial.

ARTIGO 4.—SEGUIMENTO, REGULARIZACIÓN E AVALIACIÓN

Os servizos sociais comunitarios serán os competentes no seguimento, regulación e avaliación do Servizo de Teleasistencia domiciliaria, podendo propor a inclusión ou exclusión de usuarios.

En tanto o Concello de Cambados estea adherido ao Convenio coa Deputación Provincial de Pontevedra para a coordinar o cofinanciamento e desenvolvemento do Programa de Teleasistencia Domiciliaria, asumirá as cláusulas nel designadas e comprométese ao seu cumprimento.

Todas as reclamacións, queixas ou suxestións sobre o funcionamento do Servizo de Teleasistencia deberán canalizarse a través dos servizos sociais comunitarios do Concello.

Asemade, se os técnicos deste departamento o estiman oportuno, poderase realizar anualmente dende os Servizos Sociais Comunitarios un Informe de seguimento e avaliación do servizo.

ARTIGO 5.—ABONO DO SERVICIO DE TELEASISTENCIA

O Concello de Cambados asume o 66% do coste do servizo segundo establece o Convenio coa Deputación Provincial, asumindo esta última o 34% restante, quedando establecida a gratuidade do coste do servizo para os usuarios do Concello de Cambados.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Ordenanza, previa aprobación polo Pleno deste Concello, entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, permanecendo en vigor ata que sexa acordada a súa modificación ou a súa derrogación expresa.

Cambados, a 11 de febreiro de 2016.—A Alcaldesa, Fátima Abal Roma.

NOTA INFORMATIVA: O contido da versión HTML deste anuncio ten carácter meramente informativo e está dispoñible nesta páxina para comodidade do cidadán. O anuncio con validez legal é a versión PDF asinada electronicamente.