setembro    
    2017    
L M M X V S D
1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30

BOPPO número 35

luns, 22 de febreiro de 2016

ADMINISTRACIÓN LOCAL

Municipal

Cambados

Ordenanzas e Regulamentos

TEXTO APROBACIÓN DEFINITIVA REGULAMENTO DA ACTIVIDADE DE FURANCHOS E LOUREIROS DO CONCELLO DE CAMBADOS

O Pleno da Corporación, en sesión celebrada o día 26.11.2015, acordou aprobar inicialmente O Regulamento da Actividade de Furanchos e Loureiros do Concello de Cambados, exposto ó público o expediente, e non téndose presentado contra o mesmo reclamación ou alegación algunha, elevase a definitivo o acordo ata entón provisional, publicándose o seu texto íntegro para xeral coñecemento:

REGULAMENTO DA ACTIVIDADE DE FURANCHOS E LOUREIROS
DO CONCELLO DE CAMBADOS

O 13 de novembro de 2012, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicaba no Diario ofical de Galicia o Decreto 215/2012, do 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia. Coa súa publicación quedou, por tanto, un novo marco normativo nesta materia no que establece dentro das competencias municipais a adaptación do réxime xeral regulador dos furanchos, por medio das correspondentes ordenanzas municipais, ás peculiaridades de cada zona dentro do correspondente termo municipal e a tal efecto establecese o presente regulamento.

CAPÍTULO PRIMEIRO: DISPOSICIÓNS XERAIS

ARTIGO 1: OBXECTO DA PRESENTE ORDENANZA

A presente ordenanza municipal ten por obxecto regular, dentro do termo municipal de Cambados, a actividade de furanchos ou loureiros, en desenvolvemento do disposto no Decreto 215/2012, do 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia así como na restante normativa que lle fose de aplicación, no correcto exercicio das competencias municipais que neste ámbito lle outorga o ordenamento xurídico vixente.

ARTIGO 2: DEFINICIÓNS

Aos efectos desta ordenanza municipal, considéranse“furanchos”os locais utilizados principalmente como venda privada, onde os/as propietarios/as venden o excedente do viño da colleita propia elaborado na casa para o su consumo particular, xunto coas tapas, que como produtos alimenticios preparados regularmente por eles/as, lle sirvan de acompañamento.

O réxime establecido na presente ordenanza para os furanchos será tamén de aplicación ós tradicionais “Loureiros”, nos que a única diferenza radica en que os produtos alimentarios son levados pola clientela, polo que toda a referencia os furanchos hai que entendelas referidas tamén os “Loureiros”e os tradicionalmente chamados “Abillados”.

ARTIGO 3: ÁMBITO DE APLICACIÓN

A presente ordenanza municipal regula a actividade das casas particulares ou dependencias vinculadas a elas que, de acordo coas súas características teñan a consideración de furanchos como figura tradicional na Comunidade Autonómica só se autorizará o desenvolvemento da actividade de furancho de conformidade co establecido nesta ordenanza e, única e exclusivamente, dentro das zonas rurais situadas nos ámbitos de solo clasificados como rústico, urbano ou solo de núcleo rural deste termo municipal.

CAPITULO SEGUNDO: REQUISITOS, PROCEDEMENTO E RÉXIME XURÍDICO

ARTIGO 4: REQUISITOS PARA O DESENVOLVEMENTO
DA ACTIVIDADE COMO FURANCHO

Para poder desenvolver a actividade de furancho deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) O local onde se realice a actividade de furnacho deberá ter unha superficie mínima de 10 metros cadrados e como máximo de 150 metros cadrados.

b) As persoas titulares dos furanchos deberán ademais observar a normativa técnica vixente en prevención e protección contra incendios (DBsi ou normativa de seguridade contra incendios que no futuro a sustitúa) as disposicións recollidas na Lei 42/2010 de 30 de decembro pola que se modifica a Lei 28/2005 do 26 de decembro de medidas sanitarias fronte ó tabaquismo e reguladora da venda o subministro o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco ou normativa vixente na materia, así como todas aquelas normativas técnicas que lles resulten legalmente aplicables.

c) Todo o viño que se suministre no furancho deberá ter a súa orixe en viñas emprazadas no termo municipal de Cambados e a súa comarca.

d) O viño subministrado non pode ser viño embotellado, senón que debe proceder directamente dos barrís que deberán estar debidamente numerados.

e) A degustación do viño poderá ser acompañada de catro tipos de tapas, relacionadas no anexo (Listado de tapas permitidas), e dunha quinta tapa a escoller de entre as que se numera (Listado de tapas a elixir), ou as que anualmente acorde o Concello, quedando prohibido outra clase de produtos alimenticios.

f) Antes do inicio da tempada anual de funcionamento e, cando menos unha vez ao ano, os/as furancheiros(as acreditarán a realización das declaracións obrigatorias do sector vitivinícola ante o órgano correspondente da consellería competente en materia de agricultura. sen este requisito, agás concorrencia das excepcións previstas na normativa vitícola, o furancho non poderá comezar a tempada de funcionamento.

g) As persoas titulares dos furanchos deberán ter regularizada a totalidade das súas viñas no Rexistro Vitícola de Galicia, de conformidade co Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial daprodución agrícola, ou normativa posterior que o sustitúa ou desenvolva.

h) Os/as titulares da actividade observarán e cumprirán os requisitos sanitarios establecidos nos capítulos V a XII do anexo II do Regulamento (Ce) nº 852/2004 do Parlamento europeo e do Consello, do 29 de abril, no relativo á hixiene dos produtos alimenticios, sempre que se cumpra que a actividade que leva a cabo o establecemento se axusta ao indicado no capítulo III do referido anexo II. Do mesmo xeito, segundo a actividade desenvolvida, observaranse os requisitos establecidos no Real Decreto 3484/2000 de 29 de decembro, relativo ás normas de hixiene para a elaboración, distribución e comercio de comidas preparadas.

ARTIGO 5: TAXAS

Os prezos de taxas no permiso de apertura serán os seguintes: * Ata 500 litros, 30 euros.

* Ata 1.000 litros, 60 euros.

* Ata 1.500 litros, 90 euros.

* Ata 2.000 litros, 120 euros.

* Ata 2.500 litros, 150 euros.

ARTIGO 6: DECLARACIÓNS RESPONSABLES PARA O DESENVOLVEMENTO
DA ACTIVIDADE DE FURANCHO

1. Terán a condición de persoas interesadas para o exercicio da actividade os/as viticultores/as ou colleiteiros/as que acrediten a titularidade de viñas propias no Rexistro Vitícola de Galicia, emprazadas neste termo municipal ou na súa comarca.

2. Para o exercicio da actividade, as persoas interesadas deberán achegar ao Concello, unha declaración responsable previa do cumprimento dos requisitos recollidos no artigo anterior, no decreto regulador da actividade de furancho e demais normativa aplicable, co compromiso do seu mantemento durante todo o tempo que se desenvolva a actividade de furancho e que se materializará, obrigatoriamente, no modelo oficial de declaración responsable que se incorpora no anexo I da presente ordenanza. No modelo normalizado constará, ademais da manifestación explícita do cumprimento dos requisitos esixibles consonte á normativa vixente, e o mantemento de tódalas medidas correctoras precisas para o correcto exercicio da actividade durante toda a tempada de funcionamento, a situación e denominación do furancho así coma a indicación do período de apertura elixido.

3. A declaración responsable terá os efectos e alcance previstos no artigo 71 bis da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou normativa vixente na materia así coma o pautado na presente ordenanza.

4. O/a solicitante deberá achegar obrigatoriamente, xunto co modelo normalizado de declaración responsable do anexo I desta ordenanza a seguinte documentación:

a) Fotocopia do NIF do/a solicitante e, no seu caso, do/a representante.

b) De asinarse a declaración por medio de representante achegará, ademais, a acreditación da representación por calquera medio válido en dereito.

c) Documentación acreditativa da referencia catastral descritiva da vivenda ou edificación na que se vai desenvolver a actividade.

d) Fotocopia compulsada do título ou contrato que acredite a dispoñibilidade do establecemento por parte do/a solicitante para a súa utilización como furancho.

e) Documentación acreditativa de ter declaradas as viñas das que se extrae o viño utilizado no furancho do Rexistro Vitícola de Galicia, da consellería competente en materia de agricultura.

f) Documentación acreditativa de ter realizado as declaracións obrigatorias do sector vitivinícola na consellería competente en materia de agricultura, agás as excepcións previstas de conformidade coa normativa vixente.

g) Fotocopia compulsada do documento que acredite a subscrición dunha póliza de responsabilidade civil, así como copia compulsada do correspondente recibo de pagamento da prima que acredite a súa vixencia no período anual de apertura.

h) Xustificante acreditativo do pagamento das taxas e tributos correspondentes que sexan preceptivos.

i) Documentación técnica ou proxecto técnico, asinada/o por facultativo/a competente, que incluirá xustificación e pronunciamento expreso do cumprimento da normativa técnica vixente en prevención e protección contra incendios (DBsi ou normativa de seguridade contra incendios que no futuro a substitúa incluíndo o cálculo do aforo máximo), da normativa sanitaria relativa á loita contra o tabaquismo.

j) Certificación de seguridade e solidez do local ou recinto e das súas instalacións para o uso pretendido, subscrita por técnico competente e, de ser preceptivo, debidamente visada.

k) Memoria descritiva da cantidade de viño posto á venda, número de barrís utilizados para almacenar o viño e capacidade dos mesmos así coma a variedade ou variedades de uva das que procede.

l) Carné de manipulador de alimentos.

ARTIGO 7: DA XESTIÓN E DA ACTIVIDADE ADMINISTRATIVA DE COMPROBACIÓN

1. A declaración responsable para a apertura dun furancho ou a comunicación de renovación, deberán achegarse, obrigatoriamente, nos correspondentes modelos oficiais de declaración responsable ou comunicación que se inclúen nos anexos I ou II desta ordenanza, debidamente cumprimentados e con toda a documentación requirida no artigo 6 da presente ordenanza, e serán presentados no rexistro do Concello, en calquera dos rexistros ou por calquera medio válido consonte ao artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A persoa declarante ou o/a novo/a titular, nos supostos de troco de titularidade ademais da manifestación responsable da veracidade do declarado, están obrigados a posuír no furancho, a disposición do persoal técnico inspector municipal e da policía local, a documentación que se determina nos artigos 5 da presente ordenanza e facilitarán o acceso ao local e as instalacións ao devandito persoal municipal para as inspeccións, verificacións e comprobacións oportunas.

3. A presentación da declaración responsable, co conseguinte efecto habilítante para o inicio da actividade a partir do mes seguinte á súa presentación, agás resolución de desconformidade ou requirimento de emenda de deficiencias, non prexulgará de xeito algún a situación e efectivo acomodo das condicións do establecemento á normativa aplicable, nin limitará o exercicio das competencias municipais de comprobación, control, inspección e sancionadoras. En ningún caso se entenderán adquiridas por silencio administrativo facultades ou autorizacións en contra da lexislación ou do planeamento urbanístico aplicable, e os efectos habilitantes para o inicio das actividades deixarán a salvo, sempre, o dereito de propiedade e entenderase que autorizan o desenvolvemento da actividade de furancho sen prexuízo de terceiros.

4. A declaración responsable ou a comunicación do cambio de titularidade reguladas nesta ordenanza, tampouco eximirán da obtención das licenzas e autorizacións que esixa calquera norma sectorial nin do deber de presentación doutras declaracións, comunicacións ou inscricións en rexistros que a devandita normativa impoña para o desenvolvemento da actividade de furancho, nin exonerarán aos/as furancheiros/as das obrigas de carácter tributario, fiscal, administrativo e de orde civil que se establecen no ordenamento xurídico vixente. en todo caso non poderán ser invocadas para diminuíren ou excluíren a responsabilidade civil ou penal en que puideran ter incorrido os titulares no exercicio das actividades habilitadas coa presentación da declaración responsable ou da comunicación. só producirán efectos entre o Concello e os suxeitos declarantes e non alterarán as situacións xurídicas entre estes e as demais persoas.

ARTIGO 8: DA TEMPADA DE ACTIVIDADE FURANCHEIRA

1. O Concello deCambados, establece o comezo da tempada anual de funcionamento dos furanchos o 1 de decembro, e o seu remate o 30 de xuño de cada ano.

2. Excepcionalmente, a persoa titular do furancho que queira modificar este período de apertura deberá solicitado ante o concello de forma motivada para cada ano de actividade, pero nunca poderá ser mais aló do 31 de xullo.

ARTIGO 9: DO PERIODO, CONDICIÓNS E HORARIO DE APERTURA DO FURANCHO

1. O período de apertura dos furanchos non poderá ser superior aos tres meses, abranguidos estes dentro do prazo establecido no artigo 8.1 da presente ordenanza.

2. Os solicitantes deberán presentar, convenientemente cumprimentada, a declaración responsable previa ou comunicación de renovación e demais documentación esixida no artigo 5 da presente ordenanza, facendo constar obrigatoriamente o período de funcionamento elixido para o seu furancho nas declaracións ou comunicacións que acheguen.

3. Fora dese prazo a actividade de furancho reputarase como carente de título xurídico habilitante, dispoñéndose a súa clausura e cesamento inmediato e efectivo.

4. Os furanchos poderán abrir as súas portas ao público para exercer a súa actividade no seguinte horario: 12:00 a 00:00 horas.

Nas noites que van de venres a sábado, de sábado a domingo, así como nas noites anteriores aos festivos, estes horarios amplíanse unha hora.

ARTIGO 10: DAS TAPAS PERMITIDAS

As tapas que se poderán ofrecer para acompañar ao viño nos furanchos en Cambados, son as que figuran no anexo IV.

ARTIGO 11: OBRIGAS DAS PERSOAS TITULARES DOS FURANCHOS

As persoas titulares dos furanchos deberán observar as obrigas recollidas no artigo 35 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, na medida en que non sexan contrarias á singularidade destes locais e, en particular, as seguintes:

1. Velar polo bo estado xeral das dependencias e polo mantemento das instalacións e servizos do furancho e garantir un trato correcto á clientela.

2. Informar previamente con obxectividade e veracidade a clientela sobre o réxime de servizos que se ofertan no local, as condicións de prestación destes e o seu prezo e forma de pagamento.

3. Ter a disposición das persoas usuarias follas de reclamacións e facer entrega dun exemplar cando lles sexa solicitado.

4. Emitir xustificante de pagamento que detalle os servizos, de conformidade cos prezos ofertados ou pactados.

5. Os locais exhibirán nun lugar visible o ramallo de loureiro co que tradicionalmente se identifican os furanchos.

6. Os /as titulares dos furanchos deberán ter contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra os danos corporais, materiais e os prexuízos económicos que deriven do desenvolvemento da súa actividade, de acordo co que se determine nas ordenanzas municipais.

ARTIGO 12: NOTIFICACIÓN DE CAMBIOS E COMUNICACIÓN
DO PECHE DO ESTABLECEMENTO

1. As persoas titulares dos furanchos están obrigadas a comunicarlle ao concello, mediante o modelo oficial que consta no anexo III, calquera cambio que afecte o seu funcionamento, xuntando a documentación xustificativa do cambio pretendido, así como o cesamento definitivo da súa actividade,no prazo de 10 días contados con anterioridade á data prevista para o peche. Pola súa banda, o concello notificará tales cambios ás consellerías ou órganos competentes en materia de turismo, medio rural, facenda e sanidade.

2. Poderase decretar a baixa de oficio cando a Administración municipal teña constancia do cesamento da actividade por non se producir a apertura durante os períodos autorizados sen causa xustificada, ou cando o establecemento deixe de cumprir, de maneira grave e inxustificada, algún dos requisitos e condicións esixidos para o exercicio da súa actividade.

ARTIGO 13: DO REXISTRO MUNICIPAL DE FURANCHOS DE CAMBADOS

1. O Concello creará un “Rexistro Municipal de Furanchos e Loureiros de Cambados” para a inscrición de oficio de todos os furanchos que cumpran os requisitos esixidos e desenvolvan a súa actividade dentro do termo municipal de Cambados,e para a recollida de toda a información esixida na presente ordenanza municipal.

2. O Concello de Cambados dará traslado do seu contido aos órganos competentes en materia de turismo, facenda, medio rural e sanidade.

3. Os datos mínimos do rexistro municipal de furanchos de Cambados, serán os establecidos no anexo III da presente ordenanza.

ARTIGO 14: TRANSMISIÓNS

O novo titular deberá comunicar a transmisión do furancho ao concello, que lles dará traslado ás consellerías ou órganos competentes en materia de turismo, medio rural, facenda e sanidade, para o que achegará a seguinte documentación:

a) Comunicación previa de cambio de titularidade segundo o modelo oficial que consta no anexo III.

b)Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da dita transmisión ou, de ser o caso, da acreditación da dispoñibilidade do inmoble polo novo titular.

c) Póliza de seguro de responsabilidade civil, nos termos establecidos no artigo 6, a nome do novo titular.

d) Documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes.

ARTIGO 15: INSPECCION, VIXIANCIA E CONTROL

O Concello vixiará e garantirá o debido cumprimento polo titular destes establecementos do preceptuado neste regulamento e noutras normas que resulten de aplicación, sen prexuízo das facultades de inspección que lle poidan corresponder á Administración autonómica en función da materia, singularmente no que respecta á inspección turística.

ARTIGO 16: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

O incumprimento deste regulamento dará lugar á aplicación da normativa sancionadora vixente coas infraccións e sancións tipificadas na Lei de turismo de Galicia.

ARTIGO 17: INTRUSIÓN PROFESIONAL

A realización ou a publicidade, por parte dos furanchos, da actividade propia das empresas de restauración reguladas na Lei 7/2011 do 27 de outubro, de turismo de Galicia, en contravención dos requisitos que lles son exixibles para o seu inicio, terán a consideración de intrusión profesional e sancionaranse administrativamente consonte o previsto na Lei de turismo.

ARTIGO 18: INFRACCIÓNS LEVES

Considéranse infraccións administrativas de carácter leve as previstas no artigo 109 da Lei de turismo de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) A modificación do período de apertura sen presentar unha nova solicitude ao concello.

b) A falta de comunicación ao concello nos supostos de transmisión e cambio da titularidade do furancho.

c) A falta de comunicación ao concello de calquera cambio que afecte o funcionamento do furancho, así como o cesamento da súa actividade, e a motivación dos ditos feitos.

d) Non mostrar o distintivo oficial na entrada do furancho.

ARTIGO 19: INFRACCIÓNS GRAVES

Considéranse infraccións administrativas de carácter grave as previstas no artigo 110 da Lei de turismo de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) A subministración de viño embotellado.

b) A non presentación da declaración responsable previa ou da documentación exixida no artigo 6 deste regulamento.

c) A venda de viño non orixinado do excedente do consumo propio procedente exclusivamente das súas viñas.

ARTIGO 20: INFRACCIÓNS MOI GRAVES

Considéranse infraccións administrativas de carácter moi graves as previstas no artigo 111 da Lei de turismo de Galicia.

ARTIGO 21: SANCIÓNS

A comisión das infraccións tipificadas no presente regulamento será obxecto da correspondente sanción e graduación administrativa, de conformidade co establecido na Lei de turismo.

ARTIGO 22: PRESCRICIÓN

As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous, e as leves, ao ano.

As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves, aos dous anos, e as impostas por faltas leves ao ano.

ARTIGO 23: DOS SUXEITOS RESPONSABLES

1. Considéranse suxeitos responsables, na orde administrativa, das infraccións cometidas no seu funcionamento, ás persoas que figuren como titular/es dos furanchos.

2. De seren varias as persoas titulares, aplicaranse os principios propios da potestade sancionadora e do dereito sancionador, con expresa responsabilidade solidaria ao respecto das medidas de restauración da legalidade e de indemnización de danos e perdas que se diten.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Disposición adicional primeira: Modelos normalizados

1. Os correspondentes modelos de declaración responsable e comunicación recollidos nos anexos I e II manteranse permanentemente publicados e actualizados na páxina web municipal:http://www.cambados.gal.

2. O contido dos modelos dos anexos I e II que se incorporan a esta ordenanza, non teñen carácter regulamentario e o seu contido poderá ser adaptado, modificado ou ampliado por Resolución da Alcaldía ou órgano delegado, aínda que a súa obrigatoriedade queda supeditada a súa publicación na páxina web do Concello.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA
OBRIGAS TRIBUTARIAS

As obrigas tributarias derivadas das actuacións que se autoricen polos procedementos aquí regulados rexeranse pola ordenanza fiscal correspondente.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

A presente ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación íntegra no Boletín oficial da provincia, sempre que tivese transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

ANEXO I
MODELO DE DECLARACIÓN RESPONSABLE

Datos da persoa declarante:

Nome: ..................... Como titular: ................... Apelidos:.......................... NIF/NIE:…............ Domicilio: ..................... Código postal: .............. Provincia: ............. Localidade: ...................... teléfono: ...................... Fax: ................... Correo electrónico:......................

Declaro, baixo a miña responsabilidade:

Que se cumpren os requisitos necesarios para o exercicio da actividade de furancho e que se manterán durante todo o tempo que esta dure.

Lexislación aplicable: Decreto 21572012, do 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Protección de datos: Todos estes datos están protexidos ó abeiro da Lei orgánica 15/1999 do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, especialmente o artigo 10 (o responsable do ficheiro e quen interveña en calquera fase do tratamento dos datos de carácter persoal están obrigados ao segredo profesional no que se refire aos datos e ao deber de os gardar, obrigas que subsistirán mesmo despois de finalizaren as súas relacións co titular do ficheiro ou, co seu responsable).

Sinatura:

Localidade e data:

ANEXO II COMUNICACIÓNS DE SOLICITUDES

Datos da persoa declarante:

Nome: .......... Como titular:................ Apelidos:.................. NIF/NIE:….......................... Domicilio: ...................... Código postal: ........... Provincia: ............... Localidade: ..................... Teléfono: ................... Fax: ..................... Correo electrónico: ......................

EXPÓN:

1.—Solicitude de autorización: ..............................................................................................

2.—Solicitude de cambio de titular:........................................................................................

3.—Solicitude de denominación do furancho: .......................................................................

4.—Solicitude de baixa: o furante cesa na súa actividade con data........................................

5.—Solicitude de renovación do Distintivo “Furanchos de Cambados” para o ano: .........................

6.—Outras: ...................................................................................................

Por todo o exposto, solicita que se teñan por realizadas estas accións.

Lexislación aplicable: Decreto 215/2012, do 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Protección de datos: Todos estes datos están protexidos ó abeiro da Lei orgánica 15/1999 do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, especialmente o artigo 10 (o responsable do ficheiro e quen interveña en calquera fase do tratamento dos datos de carácter persoal están obrigados ao segredo profesional no que se refire aos datos e ao deber de os gardar, obrigas que subsistirán mesmo despois de finalizaren as súas relacións co titular do ficheiro ou, no seu responsable).

Sinatura:

Localidade e data

ANEXO III
DATOS DO REXISTRO MUNICIPAL DE FURANCHOS
DO CONCELLO DE CAMBADOS.

Datos permanentes:

Nome do/a titular/es do furancho.

NIF/NIE do/a titular/es do furancho.

Denominación do furancho.

Domicilio do furancho.

Confirmación de que o establecemento cumpre os requisitos esixidos nesta ordenanza.

Período de apertura do furancho.

Fotocopia compulsada do título ou contrato que acredite a dispoñibilidade do establecemento por parte do/a solicitante para a súa utilización como furancho.

DATOS RENOVADOS ANUALMENTE

Declaración responsable.

Informe técnico-sanitario no que figure a análise do viño posto á venda.

Documento acreditativo de ter contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil de cordo co establecido na presente ordenanza.

Documento acreditativo de ter regularizada a totalidade da súa viña no Rexistro Vitícola de Galicia, de conformidade coa normativa vitícola vixente.

Memoria descritiva da cantidade de viño posto a venda, numero de barrís utilizados para almacenar o viño e capacidade dos mesmos.

Documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes.

ANEXO IV
LISTADO DE TAPAS PERMITIDAS.

1.—Orella – Chourizo.

2.—Tortilla.

3.—Zorza-Raxo.

4.—Empanada.

TAPAS A ELIXIR

— Callos.

— Costela

Cambados, a 11 de febreiro de 2016.—A Alcaldesa, Fátima Abal Roma.

NOTA INFORMATIVA: O contido da versión HTML deste anuncio ten carácter meramente informativo e está dispoñible nesta páxina para comodidade do cidadán. O anuncio con validez legal é a versión PDF asinada electronicamente.