Preguntas frecuentes

¿Que é o BOPPO electrónico?

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) é un servizo público de carácter provincial competencia da Deputación de Pontevedra, á que lle corresponde a súa xestión, edición e publicación.

O BOP é o boletín oficial no que se publicarán as disposicións de carácter xeral, as ordenanzas, así como os actos, edictos, acordos, notificacións, anuncios e demais resolucións das administracións públicas e da Administración de Xustiza de ámbito territorial provincial. Adicionalmente, poderán publicarse outros actos ou anuncios que estas administracións ou anunciantes particulares ordenen inserir.

O carácter electrónico do BOPPO permite adaptarse ás novas tecnoloxías, o que habilita o acceso universal e gratuíto da súa edición electrónica e garante poder obter de forma sinxela os boletíns publicados, sendo o propio cidadán o que decide, se así o desexa, a impresión en papel.

A utilización do BOPPO electrónico permite o cumprimento da Lei 11/2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns ós servizos públicos.

¿Que días se publica o BOPPO?

O BOPPO publícase de luns a venres, excepto os días festivos nacionais, da Comunidade Autónoma de Galicia e da cidade de Pontevedra.

¿Como se pode consultar o BOPPO?

O BOPPO pódese consultar a través de Internet en www.boppo.depo.es.

Esta páxina web permite localizar un BOPPO por data ou a través de diferentes criterios (palabra clave, data, publicador e número do BOPPO).

¿En que formatos se publica o BOPPO?

Os boletíns anteriores ó 12 de decembro do 2014 están dispoñibles como un arquivo PDF único para cada día.

Para os boletíns posteriores a esa data pode consultarse en formato HTML o sumario do boletín, cada anuncio individual e unha tradución realizada automaticamente polo portal dos anuncios. Así mesmo é posible acceder a unha versión PDF do sumario, os anuncios individuais e o boletín completo.

¿Que necesito para ver o BOPPO e os anuncios publicados en PDF?

Para visualizar o BOPPO ou os anuncios publicados en formato PDF é necesario ter instalado o programa Acrobat Reader. No caso de que non dispoña deste programa pódeo instalar desde a páxina http://www.adobe.es .

¿Ten validez legal a versión dixital do BOPPO e os anuncios?

Os boletíns publicados con anterioridade ó 12 de decembro do 2014, e os sumarios e anuncios individuais posteriores a esa data, que estean en formato PDF e fosen asinados dixitalmente teñen validez legal.

As versións HTML dos sumarios ou dos anuncios, as traducións automáticas destes, ou os arquivos PDF que agrupan todos os anuncios publicados en cada unha das datas posteriores ó 12 de decembro do 2014 só se ofrecen para facilitar a consulta, polo que non teñen validez legal.

¿Como se garante a autenticidade do BOPPO e os anuncios en PDF?

Para garantir a súa autenticidade e inalterabilidade a edición electrónica en PDF dos boletíns anteriores ó 12 de decembre do 2014, e as versións PDF dos anuncios individuais posteriores a esa data incorporan a sinatura dixital.

¿Que é a sinatura dixital?

Serve para demostrar a autenticidade dun documento electrónico. Unha sinatura dixital dálle ó destinatario a seguridade de que o documento o creou o remitente (autenticidade de orixe) e que non se alterou durante a transmisión (integridade).

A sinatura dixital consiste nun método criptográfico que asocia a identidade dunha persoa a un documento. En función do tipo de sinatura pode, ademais, asegurar a integridade do documento ou mensaxe, é dicir, que non se alterou o seu contido.

¿Por que un documento asinado dixitalmente é inalterable?

Un documento asinado dixitalmente permite "conxelar" o seu contido, de forma que calquera alteración invalidará a sinatura electrónica incorporada nel.

O proceso da sinatura inclúe o cálculo dun resumo do contido do documento completo e o seu cifrado coa clave privada do certificado emisor.

¿Como podo validar a sinatura dixital do BOPPO ou un anuncio?

Os BOPPO e anuncios en formato PDF publicados neste portal están asinados cun certificado da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre a nome da Deputación de Pontevedra, o que asegura a oficialidade e integridade deses arquivos.

Adobe Reader 7.0 (e as versións de Adobe Acrobat Estándar e Profesional) permite comprobar a validez da sinatura electrónica de documentos pdf asinados utilizando certificados dixitais da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.

Para verificar a sinatura a primeira vez que acceda a un pdf terá que:

  • Ir á pestana/icona Sinaturas, á esquerda do panel do documento pdf asinado
  • Pulsar co botón dereito do rato sobre a sinatura e elixir a opción Propiedades
  • Na pestana Resumo pulsar Amosar certificado
  • Na pestana Confiar pulsar Agregar identidades de confianza e aceptar a mensaxe
  • Aceptar a ventá Importar configuración de contactos
  • Na ventá Propiedades da sinatura premer o botón Verificar sinatura
  • Aceptar a ventá Visor de certificados

Con esta operación descárgase o certificado da Fábrica de Moeda e Timbre no seu computador. A partir deste momento cada vez que queira realizar a comprobación da integridade da sinatura, da validez do certificado e do selo de tempo só terá que:

  • Ir á pestana/icona Sinaturas, na parte esquerda do panel do documento pdf asinado
  • Cando teña o rato sobre a sinatura prema co botón dereito a opción Validar sinatura, onde aparece a súa autenticidade. Se pincha en Propiedades da sinatura as distintas pestanas ofrecen o resto de información.

¿Como verificar a validez dunha impresión dun sumario ou anuncio?

No caso dos boletíns publicados con anterioridade ó 12 de decembro do 2014 será preciso acceder ó portal www.boppo.depo.es, localizae o BOPPO correspondente e descargar a súa versión PDF.

Nas publicacións posteriores a esa data os sumarios e anuncios inclúen un Código de Verificación Electrónica (CVE) que pode indicarse na páxina principal do portal do BOPPO para acceder directamente ó documento electrónico orixinal.

Debe terse en conta que, dado que non teñen validez legal, esta funcionalidade non se ofrece para os BOPPO completos posteriores ó 12 de decembro do 2014.

¿Que é o CVE e para que serve?

O CVE ou Código de Verificación Electrónica é un conxunto de carácteres que aparecen nas páxinas do sumario e os anuncios correspondentes ós BOPPO publicados posteriormente ó 12 de decembro do 2014, e que facilita o acceso ó documento electrónico orixinal.

¿É posible recibir notificacións da publicación de anuncios?

O BOPPO ofrece a posibilidade de subscribirse á notificación por correo electrónico da publicación de anuncios pola tipoloxía dos cales se indicara ter interese.

Para darse de alta neste servizo debe entrarse na correspondente sección do portal do BOPPO e cubrir os datos solicitados polo formulario que aparece nela.

¿Como se pode modificar ou anular a subscrición ás notificacións?

Na sección de Subscrición do portal do BOPPO ofrécese a posibilidade de modificar os tipos de anuncios polos que se ten interese ou anular a subscrición.

Para iso deben cubrirse os datos solicitados no correspondente formulario, tralo que se recibirá un correo electrónico cun enlace a unha páxina na que se deberán indicar os novos tipos de anuncios de interese, ou confirmando a baixa no servizo.